Destacados

Todo o que nos dá Verto

‘Embora’ é o recén estreado traballo discográfico do dúo Verto. En homenaxe ao seu éxito, ‘Todo o que che din’, comprobamos con Alberto Mira que é todo iso que Verto nos dá. 

Xurxo Fernandes presenta ‘Levaino’

Xurxo Fernandes presenta ‘Levaino’, o seu novo traballo.

Como ser un bo cuñado

Xa está nos cines ‘Cuñados’, a comedia galega do momento, participada pola Televisión de Galicia.

No Diario Cultural temos a dous bos cuñados, coprotagonistas da película, que ademais nos dan unha clase maxistral de cuñadismo.

O MUV, un museo totalmente virtual

A Fundación María José Jove presenta o MUV, un museo totalmente virtual.

Viaxe de pedra

Rosa Elvira Caamaño Fernández (Bueu, 1954) proponnos unha viaxe polo Camiño de Santiago para que nos fixemos en detalles da monumental escultura románica. Ofrécenos unha escolma dalgunhas das pezas máis características de varios edificios da ruta do Apóstolo.

A artista pasa polo seu prisma as diferentes lecturas históricas, teolóxicas e místicas destes elementos para favorecer así que o visitante vexa a influencia que tiveron nos movementos artísticos mais innovadores do século XX. A mostra pode verse no Museo das Peregrinación de Santiago de Compostela.

Premios da Cultura Galega

Ledicia Costas, Xurxo Lobato, FEGATEA, A Central Folque, Chema Prado, Xosé González Martínez, a Fundación Penzol e a responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj, son os galardoados cos Premios da Cultura Galega 2020 que se entregan hoxe na Cidade da Cultura.

No Diario Cultural falamos con dous deles, a Federación Galega de Teatro Afeccionado e Xurxo Lobato.

Café e cine belga, unha proposta cultural singular

Dezaoito películas de doce autores aliñados co cine experimental e vinculados á comunidade belga poden verse online no MOCA.

 

 

Laura Iturralde, mellor iluminación por ‘Fariña’

Laura Iturralde gaña o premio da Asociación de Directores de Escena, na categoría de mellor iluminación, polo seu traballo en ‘Fariña‘. 

Sucasas, a figura e a súa contorna

O Museo Municipal Ramón Mª Aller de Lalín acolle ata o 30 de xullo a exposición ‘Alfonso Sucasas: a figura e a súa contorna’, comisariada por Pilar Corredoira.

Desde os primeiros pasos, inclúe o autorretrato, a etapa dos 60-70 e a influencia de Venezuela e Brasil. Inclúe un video documental que recompila entrevistas nos medios de comunicación, como a TVG.

A Radio Galega recupera material sonoro destacado de Xela Arias do arquivo da CRTVG

A emisora pública achegará dúas entrevistas realizadas á poetisa sobre a súa obra e 13 poemas recitados pola autora protagonista das Letras Galegas 2021.

Ofrecerá tamén un especial sobre a vida e obra da escritora, realizado ao seu falecemento, a través das opinións de especialistas e amigos.

Radio Galega vai ofrecer material sonoro moi relevante sobre a autora homenaxeada nas Letras Galegas de 2021, Xela Arias, recuperado do arquivo da CRTVG. A emisora pública ten previsto emitir proximamente dúas entrevistas e un total de 13 poemas lidos pola escritora, que lles permitirán aos oíntes coñecer máis en profundidade a vida e obra literaria dunha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea.

Entre este material recuperado do arquivo sonoro da CRTVG, cómpre salientar dúas entrevistas, que se ofrecerán como parte da programación especial da Radio Galega o propio 17 de maio. A primeira delas, é un dos poucos documentos en que a poeta fala sobre o seu último libro ‘Intempériome’ (2003), 50 días antes do seu falecemento. A través desta conversa con Ana Romaní, no tempo do ‘Diario Cultural’, Xela Arias explica algúns dos trazos da súa poética, reflexiona sobre o sentido da poesía, fala do seu uso da lingua e explica a estrutura do libro.

A segunda entrevista realizouna a Radio Galega con motivo da publicación do libro ‘Darío a diario’ (1996). O contido deste arquivo é tamén destacado, xa que ademais é das poucas ocasións en que fala desta publicación. Nesta ocasión, a poetisa conversa con Carlos Blanco e Ana Romaní sobre o proceso de escritura, reflexiona sobre a experiencia da maternidade e o sentido do libro, e sitúao en relación coas súas obras anteriores.

Entre os meses de abril e maio, a emisora pública galega ofrecerá unha boa mostra da súa voz poética, renovadora, transgresora e comprometida. De ‘Intempériome’, a RG emitirá 8 poemas recitados pola autora e, do seu terceiro poemario ‘Darío a diario’, dedicado ao seu fillo e onde aborda a maternidade desde unha ollada allea ao tradicional, achegaranse 5 poemas declamados tamén por Xela Arias. Esta selección de poemas poderase escoitar a través do ‘Diario cultural’, do diariocultural.gal e das redes sociais.

A Radio Galega tamén porá a disposición da súa audiencia, de xeito íntegro na web da CRTVG, unha edición especial do ‘Diario cultural’, realizada con motivo do pasamento de Xela Arias, en que se recollen as primeiras reaccións polo seu falecemento, unha aproximación á obra e vida da escritora, a través das opinións de especialistas e amizades, como Xulián Moure, Manuel Bragado, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, María do Carme Kruckenberg, Carmen Panero, Helena González e Xabier Rodríguez

Este material sonoro, que a Radio Galega conserva coa voz da poetisa de Sarria, está a disposición das institucións culturais e investigadoras da figura da autora.

Pin It on Pinterest