Destacados

Sexta edición dos Premios Martín Códax da Música

Ata o 17 de marzo poderanse presentar todos os proxectos musicais de calquera persoa ou grupo que queira optar ao premio nalgunha das categorías dos Martín Códax da Música, que se celebrarán o vindeiro 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Para coñecer todos os detalles falamos coa coordinadora dos premios, a cantante Sonia Levedinsky, e con dous dos gripos premiados o anao pasado: Eladio y los seres queridos e Som do Galpón.

A narración oral chega a Galicia co Festival Atlántica

O Festival Atlántica trae un mar de contos durante o mes de marzo por toda Galicia. As rúas énchense de contadores de historias que sorprenderán, un ano máis, a veciñanza galega.

Máis de 80 espectáculos en 16 concellos recibirán os contadores de narración oral dende diferentes partes do mundo. Neste ‘Diario cultural’ falamos con Soledad Felloza, organizadora do evento.

O mar chega á montaña e percorre as vilas galegas. Historias murmuradas que se van contando de orella a orella, literalmente.

“É un tubo que potencia a voz, ti murmuras e a persoa que está ao outro lado vai escoitar unha historia só para ela”, conta Soledad Felloza.

“O Atlántico marca. É certo que cada historia se adapta á cultura local, pero xúrovos que eu escoitei historias en Cabo Verde que alí era un peixe a aquí unha lamprea, pero a historia era común”, engade a organizadora.

A TVG celebra o 25 aniversario do Xabarín Club

Na sala Capitol de Santiago de Compostela tivo lugar hoxe o primeiro concerto que celebra o 25 aniversario do Xabarín Club. Grupos recoñecidos galegos interpretan as míticas cancións do Xabarín como parte dun especial que prepara o programa ‘Inimitables’.

Publícase o libro ‘Viaxeiros’, sobre as migracións dos animais

Hoxe descubrimos as grandes viaxes dos animais, moitos deles desprázanse coas estacións do ano, outros teñen que abandonar a zona onde crían. Un gran número de aventuras que aparecen reflectidas no libro ‘Viaxeiros’, publicado por Faktoría K, de Kalandraka Editora.

“Fago libros dirixidos a aquel neno que fun”, explica Xulio Gutiérrez, autor dos seis libros da colección ‘Animais extraordinarios’.

“Somos da xeración de Félix Rodríguez de la Fuente, foi un grande inspirador”, conta o ilustrador do libro, Nicolás Fernández.

Coa chegada da primaveira, as anduriñas voan ata Galicia. Proceden dende África e chegan guiadas pola experiencia e pola vista.

“É moi curioso que estes animais teñan unha parte do seu cerebro e unha parte da súa retina conectadas de tal maneira que ven literalmente o norte”, explica Xulio Gutiérrez.

Libros feitos en Galicia en que podemos descubrir como son as viaxes dos animais, dos que chegan e dos que marchan máis alá da nosa terra.

‘O soño da serpe’ é a primeira novela de Antonio Seijas

‘O soño da serpe’ centra a súa historia nunha rapaza chamada Luz, que ao comezar a universidade comeza tamén unha busca para coñecer as súas raíces e o seu pasado. Trátase dunha novela fantástica con toques de realismo que supón a primeira novela do deseñador gráfico Antonio Seijas, que acumula numerosas publicacións de banda deseñada.

Antonio Seijas ten o Premio á Mellor Obra Nacional de Expocomic, é gañador ao mellor guión na Feira do Cómic de Barcelona e Premio Castelao da Deputación da Coruña.

O arquitecto Arata Isozaki recibe o Premio Pritzer 2019

O arquitecto Arata Isozaki recibe o Premio Pritzer 2019. Naceu en 1931 e creceu no Xapón destruído pola segunda guerra mundial. O seu primeiro encontro coa arquitectura foi nunha zona cero, nun lugar onde xa non había arquitectura, xa non había cidade. Aí comezou o interese de Isozaki por descubrir como as cidades podían levantarse dende a nada.

En Galicia temos algunhas das súas obras, como o Centro de Estudos Avanzados do Parque de Vista Alegre en Compostela ou a Domus da Coruña, que realizou xunto ao arquitecto galego César Portela.

“Ambos estabamos de acordo en que a Domus tiña que ser construída con materiais de aquí, porque ademais traballabamos sobre unha antiga canteira”, explica Portela.

“Arata Isozaki ten moi claro que o mundo é un, pero hai moitas culturas. Nós, os arquitectos, temos que coñecer os sitios onde traballamos”, engade.

“A Domus é unha obra emblemática, como unha vela ao vento na baía do Orzán que demostra que se pode construír e non destruír un territorio”, indica o arquitecto.

“Penso que a arquitectura do país ten un papel moi destacado no panorama mundial”, explica Antonio Maroño, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Anaír Rodríguez presenta ‘Pioneiras 2’

Na véspera do Día da Muller falamos de ‘Pioneiras 2’ coa súa autora, Anaír Rodríguez.

Proxéctase en Ourense o primeiro capítulo de ‘STRPTS’

Cinema Sticado presenta hoxe no Auditorio Municipal de Ourense o primeiro capítulo de ‘STRPTS’, unha obra de cine en vivo.

Domingo Villar preséntanos o seu novo libro, ‘O último barco’

Neste espazo cultural conversamos con Domingo Villar, que nos presenta o seu novo libro, ‘O último barco’, publicado pola Editorial Galaxia.

Unha viaxe entre Vigo e Moaña a través da desaparición de Mónica Andrade. Trátase da terceira entrega das andanzas do inspector Leo Caldas e do seu escudeiro aragonés Rafael Estévez. Despois de ler ‘Ollos de auga’ e ‘A praia dos afogados’, é o momento de mergullarse neste novo libro.

“Eu teño o costume de ler en voz alta o que vou escribindo e sempre lle lía o meu pai, non en busca dun xuízo, senón en busca dun oído”, recorda o escritor.

Pin It on Pinterest