Destacados

O Festival de Jazz de Moaña celebra a súa IV edición os días 14 e 15 de agosto

Un ano máis o Festival de Jazz de Moaña convertese nunha das citas de referencia para os amantes desta música. Nesta IV edición, cun cartel máis galego que nunca, que encherá de jazz o Arboredoda Xunqueira durante os días 14 e 15 de agosto cumplindo con todas as normativas anti-covid.

A artista coruñesa Luísa Valdés expón “Bivalvos vividores”

O seu novo traballo é unha reflexión sobre o paso do tempo e unha metáfora da natureza, como reflexo da súa vida.

Estamos a vivir un tempo no que a observación sobre a actuación do ser humano na natureza, dános pé a ser conscientes de nosa propia fraxilidade. Nesta obra identifícase con estes bivalvos vividores, estes mexillóns que serven de escusa para reflectir o seu mundo persoal, traballados con detemento e observados, tras unha recollida física na praia. O acto de recoller, observar,atesourar, coleccionar e debuxar convértese nunha obsesión. A través destes debuxos mostra a súa percepción da vida, con todo o que esta deixa escrita na súa cuncha.

Atrae o contraste entre o seu caparazón exterior, que identifica coa súa propia pel e a súa experiencia como muller, e o interior do bivalvo, a súa carne, laranxa, atada sufrinte que se expresa con forza. Mexillóns varados na praia, soamente as súas cunchas, a súa capa externa, un final da vida, con toda a súa historia escrita encima, póusanse sobre a area e por fin descansan, exhaustos. As súas peles conteñen todo ese mundo vivido, un reflexo do pasado estratificado en capas, salpicado de volcáns. Unha vida embarullada, como todas as vidas, arrolada polo océano

 

Úrsula Heinze presenta “Flashes” en Fervenza editorial

A escritora alemá afincada en Galicia Úrsula Heinze publica a que, asegura, será a súa derradeira novela, ‘Flashes‘ de edicións Fervenza.

Trátase dun libro de relatos a xeito de instantáneas. Polos textos desfilan momentos da vida persoal e profesional desta autora, anécdotas e incluso persoeiros coñecidos. 

O documental ‘Reboiras. Acción e corazón’ conmemora os 45 anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia

Reboiras. Acción e corazón leva á pantalla un retrato ?el, construíndo a vida de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política. A súa vida e o seu pensamento son recreados a través de entrevistas a 28 testemuñas que con el partillaron diversas etapas da vida. Ademais, a obra revive a través de secuencias de ficción as últimas horas de Xosé Ramón Reboiras Noia e inclúe filmacións históricas. 

Bota a andar o Rosal Cámara Fest

O Rosal adapta o seu Festival de Músicos Xoves á nova normalidade cunha proposta renovada: o Rosal Cámara Fest que se prolongará ata o 22 deste mes de agosto. 

Nesta edición especial do tradicional Festival de Músicos Xoves, a Banda da Agrupación Musical do Rosal, descomponse en 6 ensambles instrumentais que toman o seu nome homenaxeando a personaxes senlleiras da historia da Agrupación Musical como Pepe Flores, Nani Matos ou José Vicente Simeó. 

“Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020” e os “60 días de alarma” de Ramón Leiro, expostas na Alameda de Pontevedra.

“Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020” e os “60 días de alarma” de Ramón Leiro, expostas na Alameda de Pontevedra.

A mostra colectiva “Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020” recolle as 60 fotografías que concorreron a este certame, aínda que o protagonismo recae nas 15 fotos seleccionadas por un xurado especializado, por considerar que son as que mellor documentan o impacto e a pegada dunha situación que permanecerá para sempre na nosa memoria colectiva.

As 15 fotografías seleccionadas corresponden a veciños e veciñas de Pontevedra, con idades comprendidas entre os 9 e os 67 anos, e que achegan a súa mirada persoal sobre situacións comúns daqueles días insólitos, entre as que predominan paisaxes e rúas baleiras e xestos de ánimo e solidariedade.

No mesmo espazo e durante as mesmas datas, tamén se exhibe “60 días de alarma“, unha selección de 30 fotos do fotoxornalista Ramón Leiro, con quen falamos no programa de hoxe.

 

A cantante galega FAIA presenta o seu último álbum: “Ao cabo leirín”

Faia Díaz, cantante e marela de DeVacas presenta o seu primeiro álbum en solitario. Non é senón a cara A do vinilo -a cara B, di, ten segredos que non teñen que saír á internet- que publicou no 2019 e que agora chega ó público en formato disco e tamén nas principais plataformas de streaming.

Nel defende a voz, a voz soa, a voz a pelo. As cantigas que lle foron transmitidas e que liga estreitamente á leira da súa avoa, relacionando voces cos distintos espazos onde se mabienta cada peza, até chegar ó final desa leira. Ao cabo leirín.

Bakin Blues Band e Stormy Truck abren o Feito a Man 2020

Ánxeles Porto, directora do Festival, fálanos da programación desta edición, que se desenvolve entre 11 e o 15 de agosto, con dous grupos cada noite de estilos diversos. A primeira será rockeira e estará protagonizada por Bakin Blues Band e Stormi Trucks. 

O emplazamento elixido para garantir a distancia de seguridade é o cemiterio de Bonaval. 

Ferrol celebra o IV Festival Jazz de Ría nos días 14, 15 e 16 deste mes

A cuarta edición do Jazz de Ría concentra o mellor jazz do país.

Nun ano tan complicado, marcado pola crise sanitaria da Covid, o Festival vese obrigado a modificar as súas ubicacións habituais para poder así garantir todas as medidas de seguridade e distancia interpersoal. Deste modo, a organizaciónn decidiu desenvolver todas as actividades no Cantón de Molíns, un espazo que reúne todas as condicións puidendo recibir un aforo considerable.

Porén, a pesar das difíciles circunstancias impostas pola Covid19, a oferta musical será de primeiro nivel. Abrirán o Festival Marcos Teira e Ton Risco, unha parella que tardou en unir as súas músicas máis do que lles tería gustado. Así a todo, a súa atípica oferta que mestura jazz e flamenco, constitúe algo máis que recomendable para o ouvido.

A programación esténdese con artistas coma Por mí, Swing; os tríos Pablo Sanmamed e Xan Campos e a formación EJAZZ, que abren o sábado día 15 da mesma maneira que sempre: coa voz como único instrumento, un método máis que axeitado tamén para unha música tan ben recibida en Galiza coma o jazz.

Malia seren de balde as entradas, o aforo é limitado e deben reservarse na web www.reservas.gal

Falamos con Davide González, director de ‘Carabela’

Galeatro presenta Carabela ás 12.00h no Auditorio Municipal de Cariño con motivo da Mostra de Teatro Galego.

Basada no libro de Paula Carballeira, conta a historia dunha cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Alí estará rodeada de peixes mutantes e paxaros choromicas, e para aliviar a súa tristeza crea unha nena de plástico con corazón a pilas.

Pin It on Pinterest