Destacados

Ugía Pedreira presenta ‘A comuna del barruzo’

Ugía Pedreira presenta o libro disco ‘A comuna del barruzo’. Neste novo traballo ofrece dez pezas en galego-asturiano, convértendose nunha ponte entre Galicia e Asturias. Unha historia protagonizada por seres máxicos e míticos que fan desta peza unha obra maxistral.

Un disco centrado no territorio, en dúas culturas que se mesturan e rachan coas fronteiras xeográficas. Música creada para bailar todos xuntos en familia e facer unha viaxe ata os anos 80.

Esta nova exploración musical é tamén unha oda á ruralidade, para recordar que as cidades viven grazas aos recursos do rural, así que propón unha volta ás aldeas.

The Beatles chegan ao mundo do cómic

“Yellow Submarine” é unha adaptación á banda deseñada do filme, co que se celebra o seu 50 aniversario. Trátase dunha publicación de 112 páxinas, redebuxadas por Bill Morrison.

Na historia John, Paul, George e Ringo viaxan a Pepperland e loitan para liberar esta terra do malvado gobernante Xefe Mezquino Azul, que detesta a música.

Xavier Bermúdez recibe a Calpurnia de honra do festival de cine de Ourense

Hoxe finaliza o Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF, cunha gala de clausura na que o director de cine Xavier Bermúdez recibirá a Calpurnia de Honra, o recoñecemento máis importante do evento. O nome de Calpurnia fai referencia á primeira habitante coñecida de Ourense na época romana.

Neste Diario Cultural falamos con Xavier Bermúdez e recordamos algunhas do seus filmes máis célebres como ‘Nena’, ‘León y Olvido’ ou ‘Rafael’. O dramaturgo ourensán foi o primeiro en realizar un filme cun protagonista con Síndrome de Down, un feito moi aplaudido por numerosas asociacións.

O Festival de cine ourensán tamén presentou a monografía ‘Dos pés á cabeza. As películas de Xavier Bermúdez’, escrita polo historiador cinematográfico e crítico de cine Eduardo Galán. O escritor asegura que ‘o cinema galego existirá cando un cineasta, cunha visión persoal propia, resulta recoñecido fóra das fronteiras de Galicia como algo xenuíno”, ao que engade que “as películas de Xavier Bermúdez representan o país dunha forma moi acertada”.

O filme “As Bruxas de E´lente” preséntase no OUFF

O filme “As Bruxas de E´lente” presentouse esta fin de semana no OUFF. Simón Vázquez, director da película, fálanos de como naceu a idea e como se levou a cabo.

Factoría de Subsistencias presenta o disco ‘Amores Fraticidas’

A Factoría de Subsistencias presenta o seu novo traballo “Amores Fraticidas”. Neste Diario Cultural falamos con Josito Porto, un dos integrantes do grupo, despois da presentación oficial do disco no Culturgal de Pontevedra.

As cancións ‘Bágoas de fresa’, ‘Histérico, Volverei’, ‘Feo’, ‘Sorriso animal’ ou ‘Un mundo feliz’ son algunhas das composicións feitas por Josito Porto, Sabela Dacal, José Lameiras e David Cid.

As súas pezas están compostas coa mestura da acidez e da suavidade para retratar a paisaxe da realidade, sen esquecer a importancia social de denunciar e defender a liberdade.

“Con el viento” proxéctase en Numax

O filme “Con el viento”, dirixido por Meritxell Colell Aparicio, gañadora da Biznaga de Prata ao Mellor Filme da Competición Zonazine no Festival de Málaga 2018, proxéctase no Numax.

A película narra a historia de Mónica, unha bailarina que se ve obrigada a volver á casa por un problema familiar e se refuxia dos problemas na danza.

Úrsula Heinze publica ‘Delirios de pracer’

Úrsula Heinze rompe cos tabús e publica ‘Delirios de pracer’, unha novela que fala da sexualidade na terceira idade. Neste Diario Cultural falamos de literatura e pracer a través da mirada de Sara, a protagonista deste libro.

“As persoas non perden a súa sexualidade ao cumprir anos”, asegura Úrsula Heinze. Naturalidade e realidade son os valores que están presentes nunha obra que busca dialogar con todas as persoas maiores para empatizar con elas e, ademais, falar sobre un tema silenciado na sociedade.

A escritora Úrsula Heinze demostra unha vez máis que se atreve a falar do que ninguén fala. Os últimos libros de Heinze falaban da depresión dende a ficción e dende o ensaio en primeira persoa.

As obleas de Lucía Aldao puxeron a ‘comungar coa poesía galega’ ao público de Culturgal

Relatamos unha das presentacións máis singulares da feira e percorremos os stands á procura da visión de media ducia de editoras sobre a campaña de novidades que xera a feira das industrias culturais.

Manuel Portas: “É un divertimento. Foi a obra que menos tensións me produciu ao escribila”

O escritor e profesor Manuel Portas gaña o Premio de novela Blanco Amor coa obra ‘Por puntos’. O certame da Deputación de Ourense e a Fundación Blanco Amor está dotado con 15 mil euros e entregase esta tarde no 39 aniversario do falecemento do autor de “A Esmorga”.

Menchu Lamas ingresa na Real Academia de Belas Artes

Carmen Lamas, máis coñecida por Menchu Lamas, ingresa este sábado día 1 de decembro na Real Academia de Belas Artes. Será a quinta muller en acceder a un posto na institución.

Pin It on Pinterest