Destacados

O Auditorio de Galicia celebra a Gran Gala do Circo

O vindeiro 21 de abril é o Día Mundial do Circo. Santiago celebra a Gran Gala do Circo este domingo no Auditorio de Galicia. No Diario cultural falamos con Pablo Reboleiro, condutor desta gala, e Belém Brandido, de PistaCatro.

Trátase dun espectáculo de variedade, que mestura a tradición con elementos anovadores como a suspensión capilar. Pablo Reboleiro estudou matemáticas, pero nunca esqueceu a súa gran paixón polo circo. Unhas audicións moi duras antes dun dos últimos exames da carreira cambiarían a vida de Pablo para sempre.

As familias tamén poden participar en obradoiros gratuítos para descubrir o mundo do circo. Para participar só é necesario levar dúas cousas: ilusión e calcetíns. Pensan que poden ter un talento agochado para o circo?

Quen son os influencers da rede galega?

Comeza o Carballo Interplay, a gran competición de webseries en galego. Como cada ano, reúne os principais creadores de contidos dixitais galegos. Neste Diario Cultural temos connosco aos influencers da rede galega. Hoxe coñecemos a Miguel Silva Conde, Laura Cruxeiras e Olaxonmario.

Laura Cruxeiras comezou a crear contido a raíz das súas inquedanzas pola música. Pouco a pouco foi aumentando os seus seguidores e tamén a calidade das súas producións. Os youtubeiros galegos cren que a xente da súa idade aínda non ten asimilado que crear contido en Internet é unha opción en Galicia.

Os creadores pensan que existen moitos complexos sobre a produción na rede. “Para producir só necesitas un móbil”, aseguran.

A Ponte Vella de Teo presenta espectáculo en Bilbao

O Centro Cultural A Ponte Vella de Teo está a traballar no espectáculo de teatro,  música e baile tradicional titulado ” Galicia Terra de Lenda” que presentarán este sábado 6 de abril en Santurce (Bilbao). E para coñecer todos os detalles sobre esta asociación cultural e sobre o espectáculo, falamos con Xabier Sanmartín, director de baile de A Ponte Vella.

4 anos de Festival Kerouac en Nova York

O festival Kerouac de Vigo celébrase por cuarto ano consecutivo en Nova York dende hoxe e ata o vindeiro sábado. Un festival de poesía internacional do que coñecemos todos os detalles da man de Marcos de la Fuente, un dos coordinadores do festival.

 

Os 40 anos de Xacarandaina

Hoxe celebramos os 40 anos de Xacarandaina e temos connosco a Quique Peón, director da agrupación. Tamén falamos como Xabier Díaz, músico que foi alumno de Xacarandaina; e con Fran Barcia, alumno actual de Xacarandaina e integrante do grupo Samarúas.

“Unha rapaza do grupo dixo que a súa veciña, dunha aldea de Melide, sabía bailar. Propuxo ir ata alí, falar con ela e aprender. Aquí empezou todo”, recorda Quique Peón.

“Dende a miña casa vía os concursos de bailes na televisión, apartaba a alfombra e comezaba a bailar coma se estivera na tele. Un día chamei e dixen: quero bailar con vós e non só na miña casa”, confesa Xabier Díaz.

Celebramos o Día da Literatura Infantil e Xuvenil

Hoxe é o Día da Literatura Infantil e Xuvenil e falamos con Xosé Antonio Perozo, presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GALIX.

“Os libros fannos máis libres, para o presente e para o futuro”, asegura Xosé Antonio Perozo, quen recorda ler o Quixote con apenas trece anos.

Neste espazo cultural falamos con pequenos lectores como Pablo, de 12 anos, da Biblioteca Municipal da Guarda. Tamén escoitamos as recomendacións literarias de Uxía Rúa e Antía Iglesias, do IES Paralaia de Moaña.

Comeza o Ciclo de Danza da USC

Hoxe, luns 1 de abril, comeza a 17ª edición do encontro de danza da USC organiazado polo espazo de danza universitario. Un ciclo no que se busca mostras a produción propia do espazo que conta con máis de 40 montaxes. Para coñecer todos os detalles falamos con Juan Carlos Zahera, director do espazo de danza da USC

Luís Seoane, homenaxeado no Día das Artes Galegas

Luís Seoane é o artista homenaxeado no Día das Artes Galegas. Neste Diario Cultural falamos da súa traxectoria plástica e artística.

“Dende o seu exilio durante a Guerra Civil sempre tivo unha vontade moi clara de estar traballando pola nosa cultura”, asegura Carlos López Bernárdez, historiador da arte e autor de Un pintor que sabía o que facía da Editorial Laiovento.

Tamén escoitamos as voces de Jorge Espiral, pintor e director da galería La Catedral, en Lugo; con María Elena Montero, artesá creadora de tapices en colaboración con Luís Seoane; e con Silvia Longueira, directora da Fundación Luís Seoane.

“Penso que o libro Homenaxe á Torre de Hércules reflicte a esencia de Seoane”, explica Silvia Longueira.

“O seu traballo de edición, ao servizo da cultura galega, é moi importante neses anos. Nun momento en que é imposible editar aquí en galego e a nosa lingua está tan perseguida”, engade Carlos López Bernárdez.

A libraría Pedreira celebra a II Semana da novela negra.

Presentacións, conversas, roteiros e unha vaga de crimes por resolver no barrio de San Pedro. Máis de 40 establecementos se sumana repartir ‘pistas’ do xogo a xeito de relato creado por Hector Cajaraville para a Semana da novela negra.

A Fundación Luis Seoane inaugura ‘Jorge Cabezas is back!’ e ‘Nos dominios da urxencia’

Máis de 50 obras de Jorge Cabezas, un libro e un documental na homeanxe ao pintor coruñés que se verá ata xuño na Fundación Luis Seoane. Tamén ata xuño a revisión dos colectivos artísticos da cidade entre 1973 e 1986 que co título de ‘Nos dominios da urxencia’ comisaría Xurxo Taxes.

Pin It on Pinterest