Destacados

Falamos con Xesús Alonso Montero no seu 90 aniversario

Neste Diario Cultural conversamos con Xesús Alonso Montero no seu 90 aniversario. Son 90 anos dedicados ao compromiso coa cultura e coa lingua, nos que foi presidente da Real Academia Galega dende 2013 a 2017, ademais de autor de numerosos estudos sobre lingua e historia da literatura, escritor, poeta e profesor. O mestre das palabras deixou pegada na vida de numerosas persoas e continúa, na actualidade, cambiando o mundo coas súas letras.

O gran Xesús Alonso Montero recorda a súa etapa de docencia, na que cambiou a vida de moitos dos seus alumnos. “Ninguén me ensinou a ser profesor, pero menos a ser profesor durante o franquismo”. Ser mestre na ditadura significa estar en desacordo co réxime, pero intentar facer algo en contra da ditadura, asegura o gran Xesús Alonso Montero. Nas súas clases, escritores como Rosalía de Castro, Castelao ou Machado convertíanse na mellor forma de loitar por un mundo diferente.

A sensación de medo sempre estaba ao seu carón. Medo a que algún daqueles alumnos, fillos de franquistas, contara na casa que na súa clase lían textos censurados polo réxime. Medo a perder a súa Cátedra de Literatura Española pola que tanto traballara. Un compromiso polo que segue loitando na actualidade.

A Fundación Eugenio Granell conmemora o que sería o 106 aniversario do artista coruñés

Un 28 de novembro de 1912 nacía na Coruña Eugenio Granell. Para conmemorar o acontecemento, a Fundación que leva o seu nome organiza diversas actividades.

Os actos comezan hoxe coa conferencia “Xoguetes: os talismáns da arte moderna”, a cargo do profesor Javier Arnaldo. Ademais, haberá unha xornada de portas abertas os días 28 e 29 de novembro.

Unha viaxe polas ilustracións de Xosé Cobas

O libro ‘Caderno de Momentos’ recolle a traxectoria vital e creativa do ilustrador Xosé Cobas. O seu talento deulle vida ás palabras de Neira Vilas en ‘Memorias dun neno labrego’ ou Manuel Rivas en ‘O último día de Terranova’. Así as letras transformáronse en cores nos libros, cadros, gravados e carteis do autor.

Neste Diario Cultural conversamos con Xosé Cobas sobre as súas creacións. Dende pequeno aprendeu a realizar unha lectura visual do mundo que lle rodea. Non soamente lía as imaxes que ofrece a natureza, senón que tamén observaba todos os elementos do seu entorno.

As cidades galegas, en concreto, A Coruña, xogaron un papel esencial na súa creación. “A luz atlántica que invade o noso país é única, e moi diferente á luz mediterránea”, sinala o ilustrador, que sempre conseguiu trasladar a maxia desa luz galega ao papel.

Nao pon fin á súa traxectoria con “Ata que o lume se apague”

Nao presenta o seu novo e último disco, “Ata que o lume se apague”, co que pon fin á súa traxectoria musical. Trátase dunha obra composta por doce temas que traerá consigo unha xira que abrirá o 5 de decembro cun concerto na Sala Capitol de Compostela.

Falamos con Jasper, vocalista do grupo.

A maxia de escribir coas máquinas Olivetti

Explorar a cultura ao redor das máquinas de escribir é posible na nova exposición ‘Olivetti. A unidade na diversidade’, que se pode visitar en DIDAC ata o mes de xaneiro.

Neste Diario Cultural falamos coa súa comisaria María Ramos, unha experta no deseño de novas tipografías. “Olivetti é un símbolo de deseño, foi unha empresa adiantada ao seu tempo”, explica a comisaria.

As tipografías parten de deseños a man onde importa máis a parte artística que a técnica. Os bosquexos a pulso son necesarios para crear novas letras. O seguinte paso é trasladar ese deseño ao ordenador.

As tipografías dependen do uso que se fan delas porque o importante é que sexa un sistema que funcione en conxunto, formado por letras, números e tamén puntuación.

A vida salvaxe: recital de Gozalo Hermo

O escritor Gonzalo Hermo, que recibiu o XVI Premio de Poesía Afundación, ofrece un recital para o Diario Cultural.

 

Aquelas cancións de Bule

Unha viaxe ao punk77 e máis alá. Atravesamos un portal no tempo que se abre a nós en Pontedeume. Queres vir? Pois… Bule!

Davide Salvado despide a súa xira “Lobos” na Casa das Crechas

Davide Salvado despídese de “Lobos” para centrarse no que será o seu novo espectáculo. Co concerto deste venres na Casa das Crechas, Davide, acompañado por Santi Cribeiro, Carlos Freire e Pablo Dalama, pon fin a unha xira que levou á banda por boa parte do estado, Canadá, Finlandia, Bélxica ou Portugal.

A Irmandade da Sanidade Galega homenaxea a Chano Piñeiro

A Irmandade da Sanidade é unha asociación impulsora do uso do galego nas áreas sanitarias. Os seus membros, conscientes da desgaleguización que sofren espazos como os hospitais, loitan para que os profesionais do sector empreguen a lingua propia. Desta forma, os pacientes séntense máis acollidos ao ver que o persoal fala no seu propio idioma.

Esta fin de semana, a Irmandade da Sanidade homenaxea ao cineasta e boticario Chano Piñeiro polo seu compromiso coa lingua e a cultura do país. Neste Diario Cultural falamos sobre a vida e obra deste artista con Marilu Casal e Nando Casal. “A botica pode solucionar os problemas do corpo, pero a música é alegría para a alma”, asegura Nando Casal.

A cultura non é cousa de xente de letras, senón que é ‘cousa de todos’ aseguran dende a Irmandade. A unión entre arte e ciencia rompe con este prexuízo erróneo e recorda que a cultura tamén está presente nas ramas científicas.

As cantigas das mulleres que traballaban nas conservas

As cantigas das mulleres que traballaban no mar reflicten as duras condicións laborais e visibilizan ás miles de mulleres que sacaron adiante o sector das conservas en Galicia. Este será o tema principal da xornada Café na Memoria que terá lugar este xoves día 22 no Museo do Pobo Galego.

As mulleres cantaban como unha forma de amenizar as longas e esgotadoras xornadas de traballo. Agora, as súas voces convértense nunha fonte histórica fundamental para coñecer o noso pasado.

Hoxe falamos neste ‘Diario Cultural’ con Xurxo Souto, impulsor deste proxecto de recuperación de músicas e cantos de traballo das mulleres do mar.

“Son as mulleres que fixeron país, as que desenvolveron a economía da costa”, explica no noso espazo de cultura.

 

 

 

 

 

 

 

 

Pin It on Pinterest