Destacados

Exposición en homenaxe a Antonio Fraguas

O Museo do Pobo Galego inaugura hoxe a exposición sobre a Antonio Fraguas, homenaxeado das Letras Galegas 2019. Fraguas foi director do Museo e presidente do Padroado.

Xerais publica a tradución ao galego de ‘Astérix en Britania’

A Editorial Xerais publica un dos álbums clásicos de Uderzo & Goscinny, ‘Astérix en Britania’. Temos un total de catorce álbums publicados na nosa lingua. Neste Diario Cultural falamos cos tradutores, Xavier Senín e Isabel Soto.

Xavier Senín recorda o momento en que descubriu os libros de Astérix. Era xullo do 1976 cando viaxou a Francia para preparar as súas oposicións de francés. Na habitación en que durmiu había unha colección completa de Astérix. Dende ese momento non puido parar de ler.

Miguel Anxo Seixas publica a primeira biografía de Castelao

Miguel Anxo Seixas publica ‘Castelao. Construtor da nación. Tomo 1. 1886 – 1930′ na Editorial Galaxia. É o primeiro volume da biografía de Castelao realizada tras un traballo de investigación de 20 anos.

“A grandeza de Castelao e Rosalía está na valentía para facerlle fronte a un mundo adverso e en castelán. Un rapaz a quen lle pegaban por falar galego, pero que nunca deixou de loitar pola nosa lingua”, conta Seixas.

Castelao empregou o seu talento para representar os problemas do seu pobo e poñer en valor a súa lingua.

Arantza Portabales publica ‘Beleza Vermella’

A escritora Arantza Portabales publica a novela ‘Beleza Vermella’. Como atopar a arte nun feito tráxico?

A obra comeza cun asasinato e seis sospeitosos. O crime de Xiana Alén espertará as tensións e os segredos máis escuros da familia. “Todo o mundo ten algo que esconder”, asegura a escritora.

A biblioteca da Cidade da Cultura, o Ensanche de Santiago ou Cacheiras serán os escenarios polos que o lector viaxará a través das páxinas desta novela negra. “A natureza humana ás veces é horrible, o terror pode estar preto da túa casa”, di Arantza.

“Escribir esta novela baleiroume moito por dentro”, explica a escritora. A firma de libros comezará o próximo mércores na libraría Cronopios de Compostela.

Entrevista ao historiador Adolfo de Abel Viela

No marco da programación especial das Letras Galegas 2019, María Solar entrevista a Adolfo de Abel Viela, historiador lucense e biógrafo e amigo de Antonio Fraguas.

Antonio Fraguas licenciouse en 1928 en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela e dende entonces comezou a dar clases na Universidade ata que conseguiu a cátedra na Estrada. Alí impartiu clases dende 1933 ata 1936, ano noq ue perde a cátedra por ser militante do partido galeguista.

Adolfo de Abel Viela repara nesta entrevista nos anos nos que Fraguas recupera a cátedra e é profesor titulado en Lugo, uns anos ao que o homenaxeado ds Letras Galegas chamaba ‘os anos da liberdade’.

Celébranse en Pontevedra os Premios Martín Códax da Música

A web do ‘Diario cultural’ da Radio Galega, diariocultural.gal, consegue o Premio Martín Códax ao mellor espazo de comunicación. A gala tivo lugar este mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Neste espazo cultural falamos con algúns dos músicos premiados como Su Garrido Pombo, Álex Guillán, de Baiuca, e Marcos Teira.

Su Garrido Pombo destacou o papel da Radio Galega con iniciativas como ‘Medio Bolo’: “Pareceume marabilloso participar nun dos programas, que as artistas poidamos participar con actuacións sen cortes na radio en internet é fantástico”.

Marcos Teira tamén celebrou a iniciativa de Notas de Jazz de emitir concertos por Internet. “Ese programa fíxose con moito cariño. É fundamental este tipo de proxectos multimedia”.

‘O ciclo da serpe’ de Dios ke te crew

Dios ke te crew regresa cun novo álbum titulado ‘O ciclo da serpe’ que presenta esta sábado 11 de maio na Sala Capitol de Santiago de Compostela. 

O proxecto ‘Escoitantes’ explica como entender a música antes de escoitala

A música forma parte do noso día a día, escoitámola na casa, no traballo, na rúa… Pero, sabemos entendela?

A Orquesta Vigo 430 organiza o ciclo Escoitantes para aprender a escoitar a música. Neste Diario cultural falamos con Cándido Cabaleiro Paz, profesor superior de piano e mestre de Educación Musical.

As xornadas de preparación rematarán co concerto da Orquestra Vigo 430. A formación interpretará a Sinfonía 6 Patética de Tchaikovsky no Teatro Afundación de Vigo o próximo 1 de xuño, ás 20.30 horas. 

Achégase a Gala do Libro Galego 2019

A Gala do Libro Galego entrega os premios aos mellores traballos editoriais do 2018 este sábado día 11 de maio no Teatro Principal de Santiago. E entre os finalistas de todas as categorías atópanse Montse Penas Presas, finalista de ensaio; Enma Pedreira en narrativa;  María Canosa en Infantil e Xosé Tomás, finalista na categoría de banda deseñada. Con todos eles falamos no Diario Cultural.

A migración, protagonista da Mostra de Teatro de Ourense

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense presenta este martes a obra ‘La construcción del muro’. Neste Diario Cultural falamos coa actriz, directora e produtora Cristina Bruno, da Asociación Cultural Teatro Espressivo de Costa Rica.

A obra, centrada no tema da emigración, analiza como xorden as políticas de odio e o levantamento de muros nas fronteiras. “A historia do mundo é a historia dos migrantes, todos somos iguais, todos somos irmáns”, di a actriz.

O teatro ten a responsabilidade de expoñer temas para espertar a crítica do espectador. O público ten que saír da sala con novas cuestións, dúbidas e coa posibilidade de cambiar a súa forma de pensar, explica a dramaturga.

“O teatro é o espello de situacións sociais que ás veces ignoramos e outras tratamos de non mirar”, engade Cristina Bruno.

Pin It on Pinterest