Destacados

A mostra ‘Cosmoloxías’ chega a Fonseca despois de nacer nunha noite no Sáhara

Hoxe escoitamos música cósmica e miramos cara ao universo. A mostra de arte Cosmoloxías, organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, está exposta no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela.

“A arte e a ciencia teñen moitas preguntas en común e un grande interese polo misterio”, explica a artista arxentina e responsable da mostra Irene Dubrovsky.

“A experiencia máis forte que tiven co ceo foi nunha viaxe que fixen a Marruecos, onde me internei na paisaxe das dunas do deserto. Aí naceu unha das pezas que presentamos na exposición, que en realidade é a tradución dunha experiencia nocturna na soidade do deserto. Un momento en que estás soa xunto ao ceo”, explica a artista.

Como converter en tanxible algo que é infinito? “Pensando que o ceo é un código, unha linguaxe con xeometría”, conta Irene.

“Arte e ciencia son moito máis parecidos do que se cre. Son dúas actividades de creatividade e busca de verdade”, explica o físico teórico Jose Edelstein, con quen tamén falamos neste espazo cultural para entender a arte dende a perspectiva científica.

Quen foron os premiados dos Mestre Mateo?

A gran triunfadora da noite foi a película A sombra da lei. O filme dirixido por Dani de la Torre e producido por Vaca Films obtivo dez premios, entre eles, mellor película e mellor dirección.

O actor Luís Tosar acadou o galardón por mellor interpretación masculina. Rodrigo Vázquez consegue o Mestre Mateo como mellor comunicador de televisión polo programa Ti verás da Televisión de Galicia.

A actriz Melania Cruz obtén o Mestre Mateo pola súa interpretación feminina de reparto en Trote; Raquel Fidalgo e Noé Montes, por mellor maquillaxe e peiteado en A sombra da lei; e Clara Bilbao, por mellor vestiario en A sombra da lei.

Federico Pérez logra o Mestre Mateo á mellor interpretación masculina de reparto polo seu papel en Trote. E Buscadores de naufraxios, como mellor programa de televisión.

A academia do audiovisual galego premia a actriz Mela Casal co premio Fernando Rei. O seu discurso foi un dos momentos máis emocionantes da gala.

Neste espazo cultural falamos con Emma Lustres, produtora de A sombra da lei; e con Xacio Baño, director de Trote, outra das grandes triunfadoras da noite, con cinco galardóns.

Unha ‘vueltina’ ao cotiá e ao pop. Revisamos a traxectoria de ‘Pauline en la playa’

Dende o Xixón Sound, dende Undershakers a hoxe, revisamos a traxectoria de Pauline en la playa nos 20 anos do grupo das irmás Alicia e Mar Álvarez, que actúan o 8 de marzo en Ourense.

[09:48:00] Estréase na Coruña ‘Liberto’, unha montaxe de Marelas Teatro

Conversamos con Tamara Canosa, directora desta montaxe protagonizada por Rocío González, Cris Iglesia e Lucía Aldao.

[09:31:00] ‘A sombra da lei’, recoñecida con dez premios Mestre Mateo

O filme protagonizou a noite en canto a premios e ausencias. Trote recibiu cinco Mestre Mateo. Repasamos a gala dos premios da Academia Galega do Audiovisual.

Aberta a inscrición nos VI Premios Martín Códax da Música

Ata o 17 de marzo está aberta a inscrición nos premios da música galega. Conversamos coa presidenta da Asociación Músicas ao vivo, Sonia Lebedinsky.

Inaugúrase a Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo

Neste espazo cultural imos ata Mondoñedo, onde hoxe é a inauguración da Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro. O lugar onde o escritor viviu máis de tres décadas, onde xurdiron as súas letras e onde os visitantes poden achegarse ao mundo fascinante dun escritor galego, pero tamén universal.

Unha casa onde Álvaro Cunqueiro escribiu obras como Merlín e familiaAs crónicas de Sochantre e Se o vello Sinbad volvese ás illas. Dende o seu cuarto, o escritor tiña vistas ao gran rosetón da catedral de Mondoñedo, que hoxe é Patrimonio da Humanidade.

Xosé Manuel Salgado foi responsable de representar toda a esencia do escritor na casa e trasladar os visitantes a un pequeno anaco do mundo cunqueiriano.

“Falei con moita xente e tratei de entender en profundidade a vida e obra do escritor”, asegura.

Voces como a de Armando Requeixo, Darío Villanueva, Víctor Freixanes e Marina Mayoral compoñen un retrato do escritor na casa.

Cineclub A Lanterna, en Viana do Bolo

Falamos de cine co promotor do cineclub A Lanterna de Viana do Bolo, Román Vilela

Pin It on Pinterest