Destacados

Pontevedra acolle un concerto didáctico con 24 instrumentos populares galegos

Os protagonistas de hoxe son os instrumentos populares galegos. Mañá celébrase na Casa das Campás de Pontevedra un concerto didáctico con 24 instrumentos da terra. Detrás deste proxecto están Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero.

Esta viaxe pola tradición musical mestura a historia coa modernidade, xa que coñecer os intrumentos é a única forma de aprecialos e empregar as novas tecnoloxías para melloralos. “A música é a linguaxe coa que nos expresamos”, explica Suso Vaamonde no Diario Cultural de hoxe.

Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville son os premios Xerais 2018

Esta fin de semana, a editorial Xerais entregou os seus premios anuais no Museo do Mar de Vigo. Os escritores Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville foron os protagonistas da xornada.

A autora galega Emma Pedreira gaña o premio Xerais de Novela 2018, coa súa obra ‘Besta do seu sangue’. O escritor Héctor Cajaraville recibiu o Premio Merín de Literatura Infantil co seu libro ‘Kasuma’, no que se fala de temas como o medio ambiente e a emigración.

Carlos Negro obtén o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil coa súa obra ‘Aplicación instantánea’. Un libro no que se fala das redes sociais e da diferenza entre as máscaras e a realidade. Un xogo de novas identidades dende unha perspectiva crítica.

Recital de Carlos Lixó: ‘As Casas’

‘As Casas’, de Carlos Lixó. O escritor de Ribeira preséntanos en recital o seu primeiro libro.

Un tema e un tema: O traballo. Unha colaboración de Cibrán Tenreiro.

Un tema e un tema: O traballo. Unha colaboración de Cibrán Tenreiro.

Unha poeta melódica de estética dance: Javiera Mena

Conversa coa artista chilena Javiera Mena na Coruña antes da súa actuación no ciclo de concertos con catas de viño Acreativa.

O ‘Ovniporto’ de Montoedo acolle a presentación da nave espacial de Lucio Ballesteros

O ‘Ovniporto’ da aldea ourensá de Montoedo acolle a presentación da nave espacial de Lucio Ballesteros: nave e personaxe protagonistas do filme 10 / 7 do que falamos co seu director Xoel Méndez.

Su Garrido Pombo gaña o Premio Fran Pérez ‘Narf’ de música

Su Garrido Pombo gaña o Premio Fran Pérez ‘Narf’ de música da Deputación da Coruña.

III Xornada de Onomástica Galega no Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra celebra mañá a III Xornada de Onomástica Galega. Investigadores e expertos como David Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cedeira, falarán sobre este tema nunha actividade aberta a todos os públicos.

O certo é que algúns dos apelidos actuais teñen relación cos antigos alcumes. No mundo dixital, os usuarios deciden un alcume para rexistrarse nos perfís das redes sociais e outras plataformas. A maioría deles aposta por incluír palabras relacionadas cos seus intereses culturais, películas e libros, así como o lugar de procedencia e outros topónimos. Alcumes e outras curiosidades para reflexionar durante a xornada de mañá.

Unha nova forma de ir ao cine sen moverse da casa

Boas novas para os cinéfilos! Chega a Europa unha iniciativa para ver os últimos estreos do cine dende casa. Os usuarios rexístranse nunha aplicación, pagan dez euros e poden ver tres películas ao mes. Desta forma, os espectadores poden ver as últimas novidades cinematográficas dende casa e pagando moito menos.

Begoña Vázquez repasa no Diario Cultural os estreos da semana. Entre eles, a comedia de ‘Miau’ coa participación do actor galego Manuel Manquiña e o filme dramático de ‘Petra’. A recomendación do día é o documental ‘Desenterrando Sad Hill’, unha peza única e con gran éxito no Festival de Sitges.

 

O CSIC celebra o seu décimo aniversario en Galicia

A delegación do CSIC en Galicia celebra con doses de humor o seu décimo aniversario. O delegado institucional do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara, falou hoxe no Galicia por Diante da Radio Galega da importancia da divulgación da ciencia na sociedade.

A crise económica foi unha das protagonistas destes primeiros dez anos do CSIC en Galicia, o que dificultou a investigación e o progreso científico. Trasladar a cultura científica ao público xeral é esencial para que as persoas podan tomar decisións con liberdade.

Pin It on Pinterest