Destacados

O teatro de Valle-Inclán e Shakespeare chega a Galicia

Neste espazo cultural con Paula Riveiro falamos de teatro, de dúas representacións teatrais desta fin de semana.

Por un lado, a obra ‘Da avaricia, a luxuria e a morte’, unha representación de Teatro do Noroeste feita a partir de textos de Valle- Inclán. Represéntase hoxe e mañá no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 20:30 h.

Un espectáculo teatral que fala dos pecados capitais. Textos escritos noutra época, pero que conectan de forma única coa realidade actual. Un dos temas tratados é a reivindicación da muller e o dereito a decidir sobre o seu propio corpo.

Tres obras de Valle-Inclán que parten da avaricia e a luxuria como un camiño que remata de forma inevitable na morte.

Tamén coñecemos máis sobre ‘Macbeth. O ruido e a furia’, unha adaptación da obra de Shakespeare feita por Estudo Momento. Estréase mañá, venres 25, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Falamos con Iria Ares e Carlos Mejuto, actores e directores do espectáculo.

Unha viaxe á chaira escocesa, unha Escocia que ten moito que ver coa nosa Galicia. Paisaxes compartidas onde medran paixóns e historias únicas creadas polo gran Shakespeare.

Aínda que transcorra o tempo, as paixóns das que falaba Shakespeare non cambian porque “a esencia das paixóns humanas non varía”, contan os directores.

“A ambición desmedida pode levar a pensar que o fin xustifica calquera medio”, engaden. Este será outros dos temas abordados no espectáculo.

‘Merquei unha postal de David Hockney’ chega á Mercedes-Benz Fashion Week Madrid

A galega Melania Freire presentará mañá a súa colección na anteriormente coñecida como Pasarela Cibeles.

Diego Ameixeiras, o grande escritor galego de novela negra

Falamos de literatura negra co escritor, tradutor, guionista e divulgador, Diego Ameixeiras. Neste mes comeza na libraría Cronopios de Santiago de Compostela un taller de novela negra dirixido aos lectores: ‘Historia da literatura negra. Un paseo polo xénero noir a través de cinco obras’.

Este obradoiro comeza co Edgar Allan Poe.

“Foi realmente o fundador deste xénero, o primeiro ao que se lle ocorreu a idea de crear un detective e todos os escritores fomos detrás”, explica Diego Ameixeiras.

“A novela negra é unha forma de contar, de mirar…”, engade o escritor, quen recorda que a paixón por este xénero naceu cos seus primeiros pasos como lector.

A súa mirada de xornalista permítelle levar ao papel os feitos da actualidade informativa. Unha realidade diaria que sempre precisará atopar un refuxio na literatura.

Unha ruta polo patrimonio esquecido da Ribeira Sacra

Parece que todos coñecemos os destinos máis turísticos do mundo, eses puntos do mapa que ninguén quere quedar sen visitar algunha vez na vida. Pero, que ocorre co que temos ao carón da casa?

A asociación O sorriso de Daniel organiza rutas polos lugares galegos que agochan un gran patrimonio, pero que ninguén coñece. Así case un centenar de persoas participaron nunha xeira polas igrexas románicas da Ribeira Sacra.

“Non queremos centrarnos nos grandes edificios, monumentos e catedrais, queremos chegar máis alá porque en xeral hai un descoñecemento grande do que é o patrimono galego”, aseguran dende a asociación.

No próximo mes de febreiro, esta aventura por Galicia deterase en Betanzos para descubrir un pouco máis sobre esta vila. Unha actividade que dará luz sobre o seu pasado e memoria, segredos descoñecidos ata para os seus habitantes de sempre.

Caleidoscópica publica o seu cuarto número, ‘Tránsitos’

A revista, que se publica cunha periodicidade anual, centra esta edición nos elementos que evocan o tránsito. Falamos con Pilar Abades, integrante do equipo editorial da revista.

O danés que chegou a Ordes para investigar sobre bruxería

Gustav Henningsen é un antropólogo e folclorista danés que realizou traballo de campo en Galicia nos anos 60. A Central Folque publica un libro que escolma algunhas das súas fotografías cun texto literario da poeta Estíbaliz Espinosa.

O danés buscaba lugares para investigar sobre bruxería e non tardaron en recomendarlle Galicia como un dos lugares nos que mellor se conservan as tradicións.

“O danés chega a Galicia buscando bruxería, pero non foi tan fácil. Para conseguir entrar nas casas e coñecer a vida da xente, comezou a sacar fotografías e regalarllas aos veciños, así foi gañando confianza”, conta o fotógrafo Eutropio Rodríguez.

“Tiña curiosidade por rexistrar as tradicións con fotografías, aínda que el non chegou con esa intención”, asegura Estíbaliz Espinosa, autora do texto.

Recital da escritora Arancha Nogueira: ‘Spleen en catro tempo’ e ‘Taxidermia’

‘Dos lugares que habitamos dende a precariedade actual’, recital da escritora Arancha Nogueira en diálogo coa canción ‘A vitoria’,  de Ataque Escampe.

Cancións subtituladas en galego na Rede

‘Está ben, Ma (só estou sangrando)’ é a tradución ao galego dunha canción de Bob Dylan que Lois Pérez publicou esta semana e que nos serve para falar deste fenómeno na Rede, as cancións subtituladas en galego.

A artista Alejandra Pombo presenta o proxecto ‘Perencontro’ na Zona C de Santiago

‘É algo trite que a xente queira acabar coa experiencia estética e converter a arte en algo que unha le, entende e pode categorizar. A inocencia na arte é liberdade. Liberdade de poder ser aquilo inesperado’

‘Perencontro’ de Alejandra Pombo é unha intervención que inclúe a publicación ‘Inocencia’ na que a artista escribe en diferentes viaxes en tren unha serie de cartas a Albert Serra.

Unha familia de cine: Vou Filmes estrean a curta ‘As Lavandeiras’

Falamos coa actriz Claudia Basallo Rego, o director Lois Basallo e a produtora Adrianna Rego. Forman parte de Vou Films que estrean hoxe na Pobra do Caramiñal a curta As Lavandeiras.

Pin It on Pinterest