Destacados

Menchu Lamas chega a Apertura Madrid

Falamos con Mónica Maneira de Apertura, o evento que inaugura a temporada expositiva das galerías de arte de Madrid. Unha cita indispensable no panorama da arte en España que está aberto ao público xeral e ao que acoden tamén coleccionistas e profesionais da arte, directores de museo, comisarios de exposicións, críticos de arte, artistas… Este ano a presenza galega estivo asegurada na Galería Marta Cervera que abriu a temporada cunha exposición de Menchu Lamas, unha das nosas pintoras máis importantes e recoñecidas dende os anos oitenta.

 

 

Cultura para todos: o teatro amador

 

Escoitamos as experiencias de tres entusiastas do teatro afeccionado: Cristina Andreetti, do grupo compostelán Cavort Teatro, Pepín Prada, do grupo Tiruleque do Carballiño e mais Chelo Pampillón, integrante do grupo vigués Atrezo e presidenta de FEGATEA, a Federación Galega de Teatro Afeccionado. 

 

Subscribirse á literatura

Seguimos coñecendo as novidades da temporada literaria, desta volta con editoras que fidelizan os seus lectores a través de subscricións, clubs ou mecenados.  Falamos con Alejandro Tobar, da editorial especializada en tradución Hugin e Munin; con Antón Lopo, da editorial de poesía Chan da Pólvora, e mais con Aira Editorial, que puxo en marcha o Club Aira para publicar álbums ilustrados.

Unha historia da represión da lingua de máis de 500 anos

Un 12 de setembro de 1978, expulsaron a Marina Rodríguez Ferrer da Academia Saco de Monforte por entrar falando galego. É un dos exemplos de persecusión lingüística que Carlos Callón inclúe no seu Libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais).

 

Un camiño para o teatro do norte

Comeza a cuarta edición de Camiño Escena Norte, un programa de intercambio de artes escénicas no que participan Galicia, Asturias, Cantabria, o País Vasco, e por primeira vez, Navarra. O público galego poderá ver no próximo mes oito espectáculos destas comunidades e tres compañías do noso país viaxarán pola cornixa cantábrica amosando as súas últimas propostas.
Conversamos con Diego Meizoso, coordinador de Camiño Escena Norte, e con Fran Sieira, cuxa compañía realizará funcións en Cantabria e País Vasco. 

20 anos do pasamento do gran nome do teatro galego, Roberto Vidal Bolaño

Dramaturgo, actor e director. Roberto Vidal Bolaño é o nome do teatro galego, ao que axudou a despegar profesionalmente nuns anos complicados da dictadura e a transición. Autor de obras como Rastros, Saxo Tenor ou As actas escuras, nas que escribe sobre a Galicia que el ve e vive.

Un autor popular e rebelde, que recordamos no Diario Cultural con Roi Vidal e Nuria Araúxo.

 

 

Estréase ‘Papagena’, unha ópera electrónica en galego

A compañía Butaca Zero estrea este sábado en Pontevedra ‘Papagena’, unha ópera electrónica que recupera dous personaxes d´A frauta máxica de Mozart, Papageno e Papagena son aquí unha parella atrapada nunha relación tóxica. Conversamos con Iago Ermo, o compositor e libretista da ópera, e coa súa protagonista, a soprano Esperanza Mara. 

O ourensán Artur M. Puga estrea disco no WOS Festival

Debullamos a programación da sexta edición do WOS Festival co seu director, Iván Arias, e reparamos nun dos artistas galegos do seu cartel. O ourensán Artur M. Puga estrea o seu primeiro disco cun directo na Fundación SGAE de Santiago este venres, no que contará co acompañamento visual do artista Shoeg. 

Tempo para abonarse á cultura

Coñecemos o sistema de abonos culturais do Teatro Rosalía de Castro da Coruña e da Real Filharmonía de Galicia e escoitamos a experiencia das persoas que asisten regularmente á súa programación. 

Onde entán os límites entre o humano e o tecnolóxico?

Non está claro que é o que nos fai humanos e que nos diferencia das máquinas. Ou ata onde podemos levar a intelixencia artificial para que a convivencia coa tecnoloxía e natureza sexa posible. A intelixencia artificial leva anos fascinándonos e obrigándonos a facer moitas preguntas. E non é de agora. Aínda estamos por ver a un sistema como HAL 9000, o de 2001: Unha odisea no espazo, que podía pilotar unha nave espacial, xogar ao axedrez e mesmo decidir sobre a vida e a morte dos tripulantes.

No Diario Cultural falamos con Alba Meijide, comisaria da exposición “AI: More than human” (Intelixencia Artificial: máis que humano), que onte se inaugurou na sede Afundación da Coruña. Unha exposición que explora as relacións entre humanos e intelixencia artificial, mirando ás orixes e aos retos e oportunidades que nos pode ofrecer.

Sen esquecer, que este tipo de tecnoloxías tamén provocan grandes dúbidas. Estamos continuamente compartindo información persoal na rede. Non sabemos cara onde vai en termos de privacidade. “More than human” é nese sentido unha exposición interactiva, que nos sitúa cara a cara con estes debates. Podes superar a un robot que está continuamente aprendendo de ti? Temos ata o 5 de febreiro para poñer a proba esta tecnoloxía na sede Afundación da Coruña

 


 

 

 

 

Pin It on Pinterest