Destacados

‘Foi un home’, a influencia arxentina na pintura de Laxeiro

‘Foi un home. Laxeiro en América 1950-1970’ é unha das mostras conmemorativas do ano Laxeiro, que recolle a produción artística do pintor de Lalín neses 20 anos que pasou en Bos Aires. A súa  pintura, sempre vangardista e renovadora, viuse neses anos influenciada polas correntes máis internacionais de América. 

Falamos con Carlos López Bernárdez, comisario da mostra que se poderá ver ata o 5 de xuño no Museo Ramón María Aller de Lalín, para logo itinerar por Madrid, a Cidade da Cultura e París. 

Ás oito da tarde, cando morren as nais

Un público experto é moi preparado é o protagonista absoluto de ‘Ás oito da tarde cando morren as nais’, un texto de AveLina Pérez co que gañou o premio Álvaro Cunqueiro no 2018. Agora, o Centro Dramático Galego fai esta adaptación, dirixida por Marta Pazos e cun elenco coral. 

Parados no medio e medio do patio de butacas, ocupando varias ringleiras, comeza o xogo entre o “público” e a actriz, soa no escenario. Un exercicio que lle sirve a AveLina Pérez para analizar a actualidade e o papel da arte. 

O elenco está formado por Camila Bosa, Sabela Domínguez, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro, Toni Salgado e Xosé Manuel Esperante. Con el e coa directora, Marta Pazos, conversamos neste Diario Cultural. 

A peza estréase o 14 de abril no Salón Teatro de Compostela, onde estará ata o 1 de maio, para logo facer unha xira por Galicia e Portugal. 

En recordo de Arcadio López Casanova, o poeta de Lugo

“Rendido o corazón chégase a hora / de regresar á estancia aínda acendida; / de recoller o pranto, a compartida / palabra que vos din ata o de agora.”

Con estes versos despedía o crítico literario Ramón Nicolás ao poeta, profesor e ensaista Arcadio Lopez Casanova. Hoxe recollemos eses versos para recordar ao poeta lugués que onte falecía, aos 79 anos, en Valencia, onde era catedrático de Literatura Española. Levaba máis de 50 anos no País Valenciano, pero López Casanova sempre foi de Lugo.

Era ademais académico de honra, así que neste diario falamos con Víctor Freixanes, o crítico Ramón Nicolás e o escritor e editor Luis González Tosar. 

 

 

Berta Dávila, ‘Os seres queridos’ e a literatura dos porqués

Berta Dávila presenta ‘Os seres queridos‘, a novela gañadora do Premio Xerais 2021. As maternidades, os afectos, os bulbos de tulipáns e as palabras danlle forma a este libro da autora compostelá.

“Prega que sexa longo o camiño”

“Cando saias camiño a Ítaca / prega que sexa longo o camiño, / cheo de aventuras, cheo de coñecementos.”

Se Ítaca é o destino, con Kavafis soubemos que o importante era a viaxe. Konstandinos Kavafis é o poeta grego contemporaneo máis universal, aínda que só estivo en Grecia tres veces. Desde a diáspora, con melancolía, escribiu sobre a historia e a cultura grega, escribiu sobre o amor, sobre o desexo entre dous homes… En vida publicou unha pequena parte da súa obra, en edicións feitas a man por el mesmo. Non foi un incomprendido, pero si que a súa homosexualidade supuxo máis dunha crítica no seu momento, nos anos entre o século XIX e XX. E aínda así, hoxe todos chegamos a Ítaca, ou imos en camiño, a través dos seus poemas.

Agora podemos ler a súa poesía completa nunha edición que vén de publicar Aira editorial, con tradución e anotacións de Miguel Angel Areses Martín.

 

 

Telexornais e cancións para coñecer a Florencio

Falamos de dúas iniciativas escolares para coñecer o homenaxeado nas Letras este 2022, o poeta valdeorrés exiliado en México Florencio Delgado Gurriarán. No CPI Os Dices de Rois elaboran cada ano un Telexornal dedicado ao protagonista nas Letras, e no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces propoñen coñecer a Florencio a través do seu gusto pola música e o baile a través do proxecto ‘O poeta que baila’.

Sheila Patricia presenta unha marea de sons en ‘Orixe’

Sheila Patricia presenta novo disco, ‘Orixe’. Un deses traballos feitos a lume manso, e no que a tradición, a orixe de todo, está moi presente. 5 anos de traballo para un disco producido entre Galicia e Arxentina e que soa a todas esas tradicións musicais, pero ao mesmo tempo está cargado de actualidade, de sons electrónicos e vangardistas.

 

 

 

Pasado, presente e futuro da acibechería

Ricardo Rivas é un artesán especializado en ourivería e na talla do acibeche, un dos poucos que permanece no casco histórico de Compostela logo de máis de 50 anos de traballo. Achegámonos ao seu taller na Xoiaría Ricardo, na Rúa da Acibechería, sobre o pasado, presente e futuro deste oficio.

[foto de Artesanía de Galicia]

Historias de mulleres que racharon tópicos en Fisterra e Loiba

Historias de mulleres en primeira persoa para rachar tópicos e lugares comúns. Esa é a base do documental Loitar saben, un proxecto da revista Mazarelos e dirixido por Roque Sanfiz Arias. En dous episodios, relatan a vida de cinco mulleres fisterrás ou das xogadoras do pioneiro equipo de fútbol feminino en Loiba aló polos anos 80.

Pin It on Pinterest