Destacados

‘Chove en Santiago’, o primeiro poema que escribiu Lorca sobre Galicia

Federico García Lorca chegou a Galicia por primeira vez o 25 de outubro de 1916. A súa estancia en terras galegas foi decisiva na creación da súa obra posterior, xa que “Lorca marchou de Galicia querendo ser escritor”, explica Henrique Alvarellos, director da editorial Alvarellos e impulsor da campaña para conmemorar o Día de García Lorca en Galicia.

Henrique Alvarellos tamén indicou nesta sección cultural que “Lorca ía por Santiago tomando notas nunha libreta e preguntando palabras en galego”, o que deu como resultado un total de seis poemas escritos en galegos, dos que ‘Chove en Santiago’ é o primeiro.

Podcast Diario Cultural 10:30

A obra en galego de Federico García Lorca.  Últimas novidades cinematográficas con Begoña Vázquez.

Podcast Diario Cultural 17:30

A poeta galega Yolanda Castaño publica o seu novo libro ‘O puño e a letra’. Nesta obra combina a poesía coa banda deseñada para crear unha peza propia do cómic poético. Este traballo publícase cando se cumpren 25 anos de carreira literaria da autora. Yolanda Castaño reflexionou nesta edición de Diario Cultural sobre a evolución do mundo da literatura e indicou que “antes había máis oportunidades para a canteira de poetas”.

Neste espazo cultural tamén houbo tempo para reflexionar sobre a desgaleguización nas aulas con Alonso Caxade, posto que cada vez son máis os pequenos que marchan da casa falando galego e volven da escola falando castelán. A perda de competencias lingüísticas no noso idioma é un tema de gran preocupación na actualidade.

Yolanda Castaño publica o seu novo libro ‘O puño e a letra’

Hoxe conversamos coa poeta Yolanda Castaño sobre o seu novo libro ‘O puño e a letra’. Tamén falamos das últimas novidades en banda deseñada co noso colaborador Carlos Portela.

Sétima posición para Galicia en número de bibliotecas

Os últimos datos amosan que Galicia rexistra un total de 497 bibliotecas. Delas, un 60% son xestionadas pola administración local. A nosa comunidade acada a sétima posición en número de bibliotecas a nivel estatal. O número de usuarios está descendendo nos últimos anos, pero aumentan as consultas a través de Internet.

Na actualidade, os usuarios demandan un acceso inmediato aos contidos. Neste senso, as bibliotecas están traballando para ampliar a súa oferta de lectura dixital. O acceso permanente de conexión a Internet é outras das peticións dos usuarios, o que demostra que aínda existe unha gran fenda tecnolóxica entre os que dispoñen desta tecnoloxía na casa e os que acoden á biblioteca para consultar materiais na rede.

 

Celebración do Día das Bibliotecas cunha viaxe a través destes centros do saber

No Día das Bibliotecas facemos unha viaxe por estes centros do saber a través de Galicia. O percorrido comeza en A Coruña e chega a lugares como Redondela e Verín.

Hoxe falamos con Catuxa Seoane, bibliotecaria e responsable de redes das bibliotecas municipais da Coruña. O seu traballo en redes sociais permite a achegar a cultura a todas aquelas persoas que non poden desprazarse de forma habitual a ela. “Internet son os nosos altofalantes, pero tamén os micrófonos dos usuarios”, explica Catuxa Seoane.

As bibliotecas son tamén a sede dun gran número de actividades culturais. En Verín organizan actividades para fomentar a lectura entre os máis pequenos, contacontos e presentación de libros de autores da zona.

O xénero e as diferenzas biolóxicas, a debate na USC

As Regueifas de Ciencia son debates científicos sobre temas de actualidade, organizados na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. O último debate formulaba esta cuestión: As diferenzas de xénero teñen unha base biolóxica?

Esta iniciativa ten como obxectivo achegar a ciencia á poboación para coñecer novas ideas. Os participantes deben posicionarse sobre o tema antes de comezar e tamén ao rematar. Desta forma podemos saber se hai cambios de opinión entre a audiencia. O xornalista Manuel Vicente é o moderador destes debates e asegura que “as Regueifas buscan crear ese lugar de encontro máis alá do ruído mediático”.

Pontevedra acolle un concerto didáctico con 24 instrumentos populares galegos

Os protagonistas de hoxe son os instrumentos populares galegos. Mañá celébrase na Casa das Campás de Pontevedra un concerto didáctico con 24 instrumentos da terra. Detrás deste proxecto están Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero.

Esta viaxe pola tradición musical mestura a historia coa modernidade, xa que coñecer os intrumentos é a única forma de aprecialos e empregar as novas tecnoloxías para melloralos. “A música é a linguaxe coa que nos expresamos”, explica Suso Vaamonde no Diario Cultural de hoxe.

Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville son os premios Xerais 2018

Esta fin de semana, a editorial Xerais entregou os seus premios anuais no Museo do Mar de Vigo. Os escritores Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville foron os protagonistas da xornada.

A autora galega Emma Pedreira gaña o premio Xerais de Novela 2018, coa súa obra ‘Besta do seu sangue’. O escritor Héctor Cajaraville recibiu o Premio Merín de Literatura Infantil co seu libro ‘Kasuma’, no que se fala de temas como o medio ambiente e a emigración.

Carlos Negro obtén o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil coa súa obra ‘Aplicación instantánea’. Un libro no que se fala das redes sociais e da diferenza entre as máscaras e a realidade. Un xogo de novas identidades dende unha perspectiva crítica.

Recital de Carlos Lixó: ‘As Casas’

‘As Casas’, de Carlos Lixó. O escritor de Ribeira preséntanos en recital o seu primeiro libro.

Pin It on Pinterest