Destacados

‘Nada que ver’, documental sobre os 25 anos de Cuac FM

Coñecemos a experiencia de Cuac FM, unha radio comunitaria nacida en 1996 co impulso dun grupo de estudantes da Universidade da Coruña. O documental ‘Nada que ver’, dirixido por Iago Prada, narra o cuarto de século de vida da emisora, que conseguiu sobrepoñerse a dúas paradas obrigadas da emisión e á propia pandemia. Conversamos con Iago Prada, director de ‘Nada que ver’; Paula Lago, presidenta de Cuac e mais Chus Abeledo, directiva da asociación e unha das locutoras de maior idade aos seus 70 anos. 

Tres proxectos galegos finalistas nos premios Devuego de videoxogos

A cultura do videoxogo en Galicia demostra músculo e moito potencial, con tres proxectos e propostas finalistas en diversas categorías dos premios Devuego. 

Gerardo Borjes, coñecido nese mundo como Elvendwarf opta a Mellor Xogo para móbiles con Aureole; Iago Gordillo opta a Mellor Medio Audiovisual coa súa canle Recuncho Gamer; e a proposta de Música e Videoxogos da Fundación do Museo do Videoxogo opta a Mellor Evento.



‘Vagalume’, o contrabaixo galego de Álvaro Iglesias

O contrabaixista Álvaro Iglesias publica o seu terceiro disco en solitario, no que volve demostrar a capacidade deste instrumento para reinterpretar melodías tradicionais. ‘Vagalume’ conta colaboracións de músicos como Xosé Liz, Luíz Peixoto, Rodrigo Romaní, Natalie Hass ou Pancho Álvarez. 

O Testemuño da Guerra Civil de Isabel Ríos

Testemuño da Guerra civil é a autobiografía de Isabel Ríos, nada en Curtis en 1907 e unha das fundadoras da primeira célula local do Partido Comunista. Ela e o seu home, o médico Manuel Calvelo, foron condenados a morte polos sublevados en 1936. El foi executado, a ela conmutáronlle a pena pero pasou sete anos na cadea e despois tivo que marchar ao exilio.
Conversamos cun dos seus fillos, Manuel Calvelo Ríos e co xornalista Xosé Antón García Ferreiro, tradutor destas memorias ao galego.

Exeria, a primeira peregrina

Onte presentouse en Lugo o documental ‘Exeria: a primeira peregrina’, dirixido por Luis Menéndez, e que vén a contar a travesía que esta muller fixo no século IV ata Terra Santa, visitando os lugares sagrados. Coñecemos a súa historia porque deixou todo escrito e documentado no seu Itinerarium, un relato epistolar no que se dirixía ás súas irmás, polo que se cre que Exeria era monxa.

Sabemos moito sobre ela, e ao mesmo tempo non sabemos todo con certeza. Crese que podería ser galega, xa que partiu desde “as ribeiras máis afastadas do océano occidental”, pero é así? O documental de Menéndez trata de poñer algo de luz para que se coñeza máis a súa historia.

 

 

A música na era dixital

A música foi un dos primeiros ámbitos culturais en experimentar o enorme cambio que supuña a era dixital. 
Revisamos esas mudanzas con Nando Luaces, CEO de Altafonte; Alberte Leis, da discográfica independente Lixo Urbano e a música MJ Pérez. 

As reviravoltas do Cuarteto Caramuxo

Voltas e reviravoltas musicais, que son as protagonistas do novo traballo do Cuarteto Caramuxo, formado por catro clarinetistas, percusión e acordeón. ‘Reviravoltas’ ao que consideramos clásico ou tradicional na súa música. ‘Reviravoltas’ estréase hoxe e nós falamos con Felipe Agell e Óscar Prieto. 

 

 

O exilio interior de Tomás Barros

Recordamos o pintor e escritor Tomás Barros no centenario do seu nacemento. Barros compartiu proxectos con outros intelectuais que permaneceron en Galicia durante o franquismo. Cofundador de revistas como Aturuxo e Nordés, e ademais das artes visuais, cultivou o teatro, o ensaio e a poesía en galego e castelán. Lembrámolo coa axuda da súa filla, Araceli Barros Cao e con Víctor Freixanes, presidente da RAG, á que a familia doou o arquivo persoal de Barros. 

‘Eurovision Fake Show’: o último canto de Lino Braxe

Nunha realidade paralela, as Tanxugueiras van a Eurovision e gañan. Polo tanto, ao ano seguinte, o certame celébrase en Galicia. O das Tanxugueiras é aportación extra, pero en ‘Eurovision Fake Show’ preséntasenos esa situación, na que Galicia é a sede do certame. Ata aquí veñen representantes, xa non de toda Europa, senon de todo o mundo, como Francia, o Vaticano, a China ou os EEUU, para intentar levantar o micrófono de cristal.

‘Eurovision Fake Show’ é o soño de calquera eurofán galego. Unha obra de Bucanero Teatro e Manarte, escrita por Lino Braxe, que faleceu sen rematala e ao que relevou na dirección Rebeca Montero. Como protagonistas temos a Sabela Hermida, Pedro Picos e Xosé Bonome. 

Para Montero, a representación desta obra é “unha homenaxe ao poeta Braxe”.

 

 

A lingua en 2050, imaxinando o futuro do galego

O sociolingüista Fernando Ramallo coordina o libro colectivo «A lingua en 2050», publicado por Catroventos Editora, no que 25 persoas reflexionan sobre o futuro da lingua e imaxinan cal será a situación do galego de aquí a 30 anos. Conversamos con Fernando Ramallo e escoitamos as reflexións de Xosé Henrique Costas, Teresa Moure, Manuel Núñez Singala e Gabriel Rei-Doval.

Pin It on Pinterest