Destacados

O ‘Arquipélago Quilombo’ de García Mc

García Mc conversa con Vituco Neira sobre o seu último disco, ‘Arquipélago Quilombo’, que compila as cancións que o rapeiro de Ordes fixo nos últimos anos. Un traballo ecléctico que vai moito máis alá do hip hop e que inclúe moitas colaboracións.

A viaxe de Castelao pola Europa dos anos 20

O Museo de Pontevedra acolle ata este domingo a exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ que segue os pasos do artista e político rianxeiro na viaxe que realizou hai un século por París, Bélxica e Alemaña. Castelao recolleu a experiencia nun diario cuxo orixinal pode verse na mostra, xunto con moitas reproducións de obras de arte que o artista debuxou durante eses nove meses e exemplos da repercusión que a viaxe tivo na súa obra e na arte galega posterior.

APCómic: pola mellora das condicións laborais das autoras e autores

Nace a Asociación de Autoras e Autores Profesionais do Comic de España co propósito de compartir esforzos para mellorar as condicións laborais dos profesionais. A situación do sector é precaria: reclaman un incremento das procentaxes das vendas, que se cumpra a lei que controla a produción, un sistema de distribución transparente e mesmo que se protexan as obras, que son tamén parte do noso patrimonio cultural.

Por iso en APCOMIC son xa máis dun cento de profesionais: presidida por Laura Pérez Vernetti e con sinaturas como Paco Roca, Teresa Valero, Cristina Durán, Fernando Blanco e os galegos David Rubín ou Manel Cráneo, que hoxe está con nós para falar da asociación e da situación do sector.

 

 

O CDG leva ao teatro ‘A peste’ de Camus

O Centro Dramático Galego estrea a súa primeira produción de 2022, unha montaxe inspirada pola novela de Albert Camus ‘A peste’, con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó e un elenco de quince intérpretes. Conversamos con Pazó sobre e cun dos actores, Nacho Castaño, sobre este espectáculo que leva unha pandemia a escena.

Ourense xa ten club de lectura de cómic

Esta semana reúnese por primeira vez o club de lectura de cómic da biblioteca pública de Ourense. A banda deseñada está cada vez máis presente nas bibliotecas galegas, onde os cómics adoitan estar entre as lecturas máis demandadas. Conversamos con María Benítez, a bibliotecaria que coordina este novo club de lectura e coñecemos un club veterano, o da Coruña, no que participa desde 2012 Alberto Ose.

O galego máis alá das fronteiras xeográficas

A próxima reforma do Estatuto de Autonomía de Asturias abriu o debate: debe ser o asturiano lingua oficial da comunidade? É unha reivindicación xa antiga dos asturianos, e agora por primeira vez, o partido no goberno en Asturias defende a súa oficialidade e mesmo usa a llingua con normalidade, ao igual que o medio millón de falantes en toda a comunidade. Do mesmo xeito, xorde o debate arredor do galego en Asturias, o galego asturiano ou o que algúns denomean “eonaviego”.

O que naceu como galego-portugués é unha lingua que foi permeando territorios e que non entende de fronteiras xeográficas. Fálase en Asturias, en León e mesmo en zonas de Extremadura. Queremos coñecer mellor ese galego que se fala máis alá de Galicia. Os nosos convidados de hoxe son Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e investigadora do Atlas Lingüístico Galego; e Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo especializado en dialectoloxía.

 

 

50 anos de Fuxan os ventos

En xaneiro de 1972 un grupo de mozos lugueses que facían música xuntos decidiron crear un conxunto de folk. En outono dese ano gañaron o festival das San Lucas de Mondoñedo coa canción ‘Fuxan os ventos’ que acabou dándolle nome á agrupación. Falamos do aniversario con Xoán Fuertes Saavedra, un dos membros fundadores, e co libreiro lugués José Manuel Valín, que expón no seu escaparate unha pequena mostra de vinilos, casetes, carteis e fotografías do grupo.

O legado de Camilo José Cela no 20 aniversario da súa morte

O 17 de xaneiro de 2002 falecía en Madrid o escritor, o Premio Nobel de literatura galego, Camilo José Cela. 20 anos da morte dun dos escritores máis relevantes das letras españolas, renovador da literatura de posguerra, que foi tamén editor e promotor literario. Con esta celebración, e tamén co 80 aniversario da súa primeira gran novela, ‘La familia de Pascual Duarte’, recuperamos o legado literario de Camilo José Cela. Unha data que pode servir para coñecer mellor a súa obra e achegala a novas xeracións de lectores.

No Diario Cultural, conversamos con dous grandes coñecedores da figura e obra de Cela, como son a filóloga e profesora da Universidade da Coruña, Olivia Rodríguez, e o escritor Xosé Carlos Caneiro.

 

 

 

‘Agromantes’, cine sobre saúde mental en primeira persoa

O proxecto ‘Agromantes’ nace dun laboratorio de cine organizado ao abeiro do GAM Compostela, un grupo de axuda mutua de persoas con diagnósticos psiquiátricos. O proceso deu como resultado seis curtametraxes nas que se fala en primeira persoa do sufrimento psíquico, das dificultades da vida cotiá, a relación coa familia ou os efectos do tratamento farmacolóxico.

Falamos de Agromantes antes da súa estrea en Santiago con Cora Peña, a coordinadora do laboratorio, e Patricia Rey. 

‘A luz da ciencia’ pon o foco na desigualdade de xénero

‘A luz da ciencia’ pon o foco na desigualdade de xénero

Pin It on Pinterest