Destacados

Novos Cinemas e a estrea de ‘A virxe roxa’

Hoxe comeza en Pontevedra a 6ª edición do Novos Cinemas, o festival que é o mellor espazo de encontro dos novos, novísimos cineastas. Suso Novás, codirector do festival xunto con Daniel Froiz. 

A película encargada de abrir o festival será ‘A virxe roxa’, o novo proxecto de Marcos Nine. Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart son as protagonistas desde suceso de principios do século XX. A forma da obra tamén é de interese, xa que está composta por fragmentos de 423 filmes.

Hoxe comeza en Pontevedra a 6ª edición do Novos Cinemas, o festival que é o mellor espazo de encontro dos novos, novísimos cineastas. Suso Novás, codirector do festival xunto con Daniel Froiz

Idoia Cuesta e Álvaro Seivane, galardoados nos Premios Artesanía de Galicia

A gala celebrada en Santiago de Compostela para a entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2021 coroou co gran premio ó obradoiro de cestería Idoia Cuesta, quen nos visitou neste Diario Cultural, para falar da artesanía galega, do seu propio traballo e da súa peza ‘Abisal’, un cesto con materiais de pesca artesanal reciclados que lle valeu a vitoria neste certame. Mais non foi a única visita, pois tamén Álvaro Seivane, receptor do premio honorífico Traxectoria, e Julia de la Cal, do obradoiro de cestería La Parabólica e gañadora da Bolsa Eloy Gesto prestaron testemuño, experiencias e pensamentos.

Unha playlist para a música en galego

A Fundación SGAE presenta a campaña ‘Escoita o camiño. Escoita Galicia’ para difundir a música feita en Galicia a través dunha playlist de Spotify, en colaboración coa Xunta. A escolma reúne 2.022 cancións de máis de mil artistas galegas, agrupadas en listas con diferentes xéneros musicais, relacionadas co Camiño de Santiago ou que dan resposta a diferentes estados de ánimo. Falamos con Juan Carlos Fasero, da SGAE, e con Carlangas, de Novedades Carminha.

Valentina, unha nena con síndrome de Down e moitos soños

Hoxe chega ás nosas salas de cine a historia de Valentina. Valentina é unha nena con síndrome de down que soña con ser trapecista, pero pensa que a síndrome é o seu maior obstáculo. Por sorte, ten preto á súa avoa, que a convence de que o que lle fai falta e ter a súa propia metamorfose, como a das bolboretas.

Con este argumento estréase na dirección a ferrolá Chelo Loureiro, fundadora de Abano Producións; tamén no guión, xunto con Lúa Testa.

 



 

A novela dos últimos días de Manuel Antonio

Xosé Ricardo Losada novela en ‘O rosario e a buguina‘ as últimas semanas de vida de Manuel Antonio contrapoñendo a voz do poeta rianxeiro coa de súa nai, dona Pura, unha mestra conservadora e profundamente relixiosa.Losada xa abordara a vida de Manuel Antonio nunha biografía e con esta obra de ficción conseguiu o premio Torrente Ballester 2020.

‘Historia do comic en Galicia’, unha viaxe que comeza en 1842

O primeiro que sorprende de Historia do Cómic en Galicia (Editorial Galaxia) é o ampla que é esa historia. Comeza a mediados do século XIX, pasa por autores fundamentais como Castelao, Xaquín Marín ou Miguelanxo Prado; e lévanos ata o presente e futuro da nosa banda deseñada, ese tempo novo que representan David Rubín ou Emma Ríos. Pero máis alá de nomes propios, o noso cómic é todo un fenómeno con recoñecemento internacional, con ese escaparate esencial que é Viñetas desde o Atlántico.

Como é o cómic galego? Preguntámosllo ao autor, Octavio Beares.

 

 

‘A sombra de Cristal’, a ópera bufa de Fernando Buide e Quico Cadaval

Unha criada engana e manipula ao amo da casa coa axuda doutro criado mudo para que case con ela e así converterse en ama. É o argumento de ‘La serva padrona’, o que estamos a escoitar, unha ópera bufa do século XVIII con música de Giovanni Battista Pergolesi e libreto de Gennaro Antonio Federico.

Mañá interpretarase dunha maneira ben orixinal no Auditorio de Galicia. Con ela abrirá a Real Filharmonía de Galicia a estrea doutra ópera, desta vez galega e contemporánea, pero que garda semellanzas coa do barroco italiano. Chámase ‘A sombra de Cristal’, con música de Fernando Buide e libreto de Quico Cadaval, unha ópera bufa que vai ir xogando ás agachadas con ‘La serva padrona’ de Pergolesi.

Que nos contan en ‘A sombra de Cristal’? Como é a música? Por que vai ser interpretada xunto a ‘La serva padrona’? Preguntámosllo aos autores, Quico Cadaval e Fernando Buide.

 

 

‘O corpo aberto’: un western gótico na Raia

Falamos con parte do equipo de ‘O corpo aberto‘ pouco antes de remataren a rodaxe deste filme de ‘terror folk’ que explora os lindes entre os xéneros cinematográficos, entre vida e a morte e entre o feminino e o masculino. É a primeira  longametraxe de ficción de Ángeles Huerta e forman parte do elenco María Vázquez, Tamar Novas e a actriz portuguesa Victória Guerra. O filme está baseado nun dos contos Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín, e chegará ás salas de cine en outono de 2022.

A ‘Xuventude Prexubilada’ dos Vacalouras

Os Vacalouras preséntannos desde o barrio vigués de Teis o seu último disco, ‘Xuventude prexubilada’. Cancións de verbena punk que inclúen unha colaboración co célebre músico portugués Quim Barreiros. 

‘Profundar’, a fotógrafa Lúa Ribeira busca as orixes

Ata o 12 de decembro pode visitarse na Fundación Seoane da Coruña a primeira exposición individual en Galicia de Lúa Ribeira, fotógrafa pontesa asociada á axencia Magnum. A mostra ‘Profundar’ forma parte do festival Ffoco da Coruña e nela as imaxes comparten espazo coas figuras e mecanismos ideados por Xosé Manuel Ribeira, pai da fotógrafa.

Pin It on Pinterest