Destacados

Un día é para sempre. Visitamos Ciclón

Visitamos Ciclón: un espazo en Compostela dos artistas David Silva e Misha Bies Golas en que creadoras e creadores de diferentes disciplinas interveñen un cuarto durante un día e crean con 100 fotocopias unha obra que se reproduce nunha publicación coa colaboración da Axencia Gráfica. En Ciclón conversamos con tres artistas: Jaione Camborda, Carlos Maciá e Carolina Cordeiro.

Filmes como máquinas de fomentar empatía: Cinema Crianza

Coñecemos Cinema Crianza, o festival da diversidade do cinema infantil que se celebra no concello de Ames, que organizan Urdime e do que nos falan o director Marcos Nine e a coordinadora Cristina Fiaño.

Ezetaerre estrea disco

Ezetaerre é un grupo de rap combativo e en galego. Comezaron a súa andaina na Facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, onde compartiron estudos, loitas e experiencias no movemento estudantil. Agora, estrean o seu novo disco.

Perdémonos entre libros no Día das Librarías

No Día das Librarías falamos con Jósi Corderí, encargada da libraría Aira das Letras de Allariz, quen nos contou como é traballar nun lugar tan fermoso.

“Para recomendar unha obra, comezo a falar coa persoa e penso nas diferentes posibilidades de libros”, explica a encargada, ao que engade que é moi importante ler un gran número de libros para saber o que estás vendendo.

Tamén falamos con Patricia Porto Paderne, responsable da libraría Lila de Lilith. Trátase dun espazo especializado en feminismo, obras non sexistas e escritas por mulleres, pero tamén é un lugar de reunión para organizar actividades culturais.

Ambas encargadas coincidiron en que unha librería non é soamente un local de venda de libros, senón que vai moito máis alá, converténdose nun espazo para compartir a paixón polos libros e perderse polas súas páxinas.

Entrevista aos galardoados co Premio Meiga Mora de Literatura Infantil e Xuvenil 2018

Falamos con Ánxela Gracián, autora do libro “As voces da auga”, gañador ex aequo do VII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2018.

Tamén contamos no programa con Pere Tobaruela, autor de “Auga e lume”, galardoado co mesmo premio.

Estrea de ‘Invisibles’, unha obra de teatro sobre violencia de xénero

A xornalista e escritora Montse Fajardo publicou ‘Invisibles’, unha compilación de textos con testemuñas da violencia de xénero. Agora este libro, convertido en peza teatral, cobra vida propia. A estrea é este xoves día 15 no Teatro Principal de Pontevedra. As actrices Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez son as encargadas de poñer voz a esta denuncia.

Esta peza representa un problema social de moita urxencia, no que o teatro tamén pode ter un papel esencial para concienciar á sociedade. O elenco realizará funcións para escolares, xa que é importante que este tipo de proxectos actúen na base da problemática e sirvan para educar as persoas do futuro.

Regresa a Biblioteca Vivente ao Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego e Xandobela organizan unha nova edición da Biblioteca Vivente, o lugar onde os libros son persoas dispostas a compartir os seus coñecementos.

A Biblioteca Vivente “Tesouros vellos para xente nova” emprégase para a protección e difusión dos coñecementos de persoas de idade que viviron unha historia de vida significativa, que manteñen un oficio ou un coñecemento determinado e que están abertas a compartilo coas xeracións futuras. As súas historias vivas portan unha parte importante da nosa identidade cultural e pertencen ao noso Patrimonio Cultural Inmaterial. Nesta ocasión, o catálogo está composto por oito Libros Vivos que representan oito historias que xiran arredor da tradición.

A terceira edición da Biblioteca Vivente “Tesouros vellos para xente nova” comeza esta tarde ás 17:30 horas da tarde e está repartida por diferentes espazos do museo.

Música en directo na proxección de ‘O gabinete do doutor Caligari’

O cine mudo con música en directo chega a Cineuropa coa proxección de ‘O gabinete do doutor Caligari’. A Real Filharmonía de Galicia é a encargada de poñer a banda sonora a esta interpretación. Este filme de 1920 é un clásico do cine expresionista alemán, considerada tamén como a primeira película de terror da historia.

Neste Diario Cultural falamos co catedrático de Historia do Cine Luís Hueso, quen define esta peza como “unha xoia e un deleite”. A posta en valor do cine mudo e o seu achegamento ás xeracións máis novas é un dos obxectivos desta iniciativa.

 

 

Chega a Cineuropa a historia de Pedrón, un veciño das Pontes

A historia de Pedrón, un veciño das Pontes, chega hoxe ao Festival Cineuropa, celebrado en Santiago de Compostela.

Trátase dunha peza audiovisual dirixida por Ángel Cordero. A través da figura de Pedrón, o espectador adéntrase na parroquia máis grande da localidade e castigada polo despoboamento.

Comeza a Semana do Cine Submarino en Vigo

Vigo celebra a súa Semana do Cine Submarino coa proxeccións de películas e documentais que mesturan o mundo do mar co audiovisual. O director deste evento, José Luis González, é un grande apaixonado da fotografía submarina e pon en valor a riqueza e a diversidade das Rías Baixas, así como a capacidade investigadora de Galicia.

O director reflexionou nas ondas da Radio Galega sobre a evolución do tempo e as facilidades que brinda a era dixital para aprender, por exemplo, a realizar fotografías do fondo do mar. Aínda así, asegura que aprender a linguaxe submarina e os comportamentos animais significa acceder a contidos divulgativos e investigacións realizadas por expertos que van moito máis máis alá dos dispoñibles en Internet.

Nesta edición de ‘Diario Cultural’ tamén nos despedimos de Stan Lee, creador do universo Marvel. A el debémoslle o nacemento de heroes que cambiaron a cultura e seguen vivos no mundo do cine, dos libros e dos videoxogos.

 

Pin It on Pinterest