Diario Cultural

Cristina Pato debuta na literatura con ‘No día do seu enterro’

No día do enterro do Raposo, chovía de abaixo a arriba. E 20 anos despois, cando as tres fillas, Marica, Comba e Generosa, se reúnen no cemiterio, segue a chover de abaixo a arriba. Pero se cadra dunha maneira distinta.

Coa chuvia de fondo, esta novela preséntanos varias viaxes: unha no tempo, cara o pasado e cara o futuro; outra no espazo, de Ourense a Venezuela e viceversa; e outra máis emocional, a que pasan as tres fillas mentres van descubrindo as múltiple vidas que tivo Ervigio Raposo.

No día do seu enterro é a novela debut de Cristina Pato na editorial Galaxia. E ten algo do seu Ourense, do seu pai e das súas propias viaxes.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe temos a novela debut de Cristina Pato. Chámase ‘No día do seu enterro’ (Editorial Galaxia) e ten moitos protagonistas: un pai, unhas fillas e unha cidade.

E despois a colaboración de Luis Miguel Crespo co aniversario da Orquestra Sinfónica de Galicia, que fai 30 anos.

A lectura tamén ten o seu festival

Visitamos a SELIC, o festival da lectura de Santiago, para compartir e celebrar o pracer de ler ao redor da praza do Toural. James Rhodes, Berta Dávila, Santiago Auserón, Diego Ameixeiras, Xesús Fraga ou Marta Sanz serán algúns dos autores e autoras convidados ata o día 19 de xuño, nunha edición que vai ter un dos seus eixos na música e na que se vai homenaxear o recentemente finado Domingo Villar.  Conversas con autoras, roteiros, concertos, lecturas dramatizadas e teatro infantil son algunhas das actividades programadas para os próximos días. 

Performance e sorpresas no festival Plataforma

O festival de artes performativas Plataforma chega á súa terceira edición e segue apostando pola arte de acción e por tender pontes entre diferentes disciplinas en diferentes espazos de Compostela. Plataforma comeza coa colaboración entre a banda municipal de Santiago e a artista Macarena Montesinos nun ‘Concerto monocromo’ na praza do Obradoiro.

Pin It on Pinterest