Letras Galegas

A Radio Galega recupera material sonoro destacado de Xela Arias do arquivo da CRTVG

A emisora pública achegará dúas entrevistas realizadas á poetisa sobre a súa obra e 13 poemas recitados pola autora protagonista das Letras Galegas 2021.

Ofrecerá tamén un especial sobre a vida e obra da escritora, realizado ao seu falecemento, a través das opinións de especialistas e amigos.

Radio Galega vai ofrecer material sonoro moi relevante sobre a autora homenaxeada nas Letras Galegas de 2021, Xela Arias, recuperado do arquivo da CRTVG. A emisora pública ten previsto emitir proximamente dúas entrevistas e un total de 13 poemas lidos pola escritora, que lles permitirán aos oíntes coñecer máis en profundidade a vida e obra literaria dunha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea.

Entre este material recuperado do arquivo sonoro da CRTVG, cómpre salientar dúas entrevistas, que se ofrecerán como parte da programación especial da Radio Galega o propio 17 de maio. A primeira delas, é un dos poucos documentos en que a poeta fala sobre o seu último libro ‘Intempériome’ (2003), 50 días antes do seu falecemento. A través desta conversa con Ana Romaní, no tempo do ‘Diario Cultural’, Xela Arias explica algúns dos trazos da súa poética, reflexiona sobre o sentido da poesía, fala do seu uso da lingua e explica a estrutura do libro.

A segunda entrevista realizouna a Radio Galega con motivo da publicación do libro ‘Darío a diario’ (1996). O contido deste arquivo é tamén destacado, xa que ademais é das poucas ocasións en que fala desta publicación. Nesta ocasión, a poetisa conversa con Carlos Blanco e Ana Romaní sobre o proceso de escritura, reflexiona sobre a experiencia da maternidade e o sentido do libro, e sitúao en relación coas súas obras anteriores.

Entre os meses de abril e maio, a emisora pública galega ofrecerá unha boa mostra da súa voz poética, renovadora, transgresora e comprometida. De ‘Intempériome’, a RG emitirá 8 poemas recitados pola autora e, do seu terceiro poemario ‘Darío a diario’, dedicado ao seu fillo e onde aborda a maternidade desde unha ollada allea ao tradicional, achegaranse 5 poemas declamados tamén por Xela Arias. Esta selección de poemas poderase escoitar a través do ‘Diario cultural’, do diariocultural.gal e das redes sociais.

A Radio Galega tamén porá a disposición da súa audiencia, de xeito íntegro na web da CRTVG, unha edición especial do ‘Diario cultural’, realizada con motivo do pasamento de Xela Arias, en que se recollen as primeiras reaccións polo seu falecemento, unha aproximación á obra e vida da escritora, a través das opinións de especialistas e amizades, como Xulián Moure, Manuel Bragado, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, María do Carme Kruckenberg, Carmen Panero, Helena González e Xabier Rodríguez

Este material sonoro, que a Radio Galega conserva coa voz da poetisa de Sarria, está a disposición das institucións culturais e investigadoras da figura da autora.

Entrevista a Xosé Luís Rodríguez, comisario da exposición ‘Carvalho Calero: A voz presente’ e discípulo de Calero

Entrevista a Xosé Luís Rodríguez, un dos comisarios da exposición que este ano a Xunta de Galicia e a AGAL impulsan para lembrar a figura do homenaxeado das letras galegas. Ademais Xosé Luis é discípulo do profesor Carvalho Calero, polo que tamén pode ofrecer un achegamento á súa figura non só desde o académico. 

Carlos Quiroga fálanos da exposición ‘Carvalho Calero: a voz presente’

Carlos Quiroga, membro da AGAL e comisario da exposición, achéganos A Voz Presente, unha exposición virtual realizada pola porpia AGAL e a Xunta de Galicia. Nela incídese na súa figura de divulgador, a súa obra; percorre os lugares nos que transcorreu a súa vida e profundiza no seu ideario reintegracionista. 

 

Pin It on Pinterest