Radio Galega

O ourensán Artur M. Puga estrea disco no WOS Festival

Debullamos a programación da sexta edición do WOS Festival co seu director, Iván Arias, e reparamos nun dos artistas galegos do seu cartel. O ourensán Artur M. Puga estrea o seu primeiro disco cun directo na Fundación SGAE de Santiago este venres, no que contará co acompañamento visual do artista Shoeg. 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Comezamos falando de patrimonio e historia na Pobra do Caramiñal con Manuel Gago, promotor das V Xornadas ‘A Pobra no Tempo’. Despois estreamos a temporada lírica da Coruña co colaborador Luis Miguel Crespo e co tenor Aquiles Machado.

Tempo para abonarse á cultura

Coñecemos o sistema de abonos culturais do Teatro Rosalía de Castro da Coruña e da Real Filharmonía de Galicia e escoitamos a experiencia das persoas que asisten regularmente á súa programación. 

Onde entán os límites entre o humano e o tecnolóxico?

Non está claro que é o que nos fai humanos e que nos diferencia das máquinas. Ou ata onde podemos levar a intelixencia artificial para que a convivencia coa tecnoloxía e natureza sexa posible. A intelixencia artificial leva anos fascinándonos e obrigándonos a facer moitas preguntas. E non é de agora. Aínda estamos por ver a un sistema como HAL 9000, o de 2001: Unha odisea no espazo, que podía pilotar unha nave espacial, xogar ao axedrez e mesmo decidir sobre a vida e a morte dos tripulantes.

No Diario Cultural falamos con Alba Meijide, comisaria da exposición “AI: More than human” (Intelixencia Artificial: máis que humano), que onte se inaugurou na sede Afundación da Coruña. Unha exposición que explora as relacións entre humanos e intelixencia artificial, mirando ás orixes e aos retos e oportunidades que nos pode ofrecer.

Sen esquecer, que este tipo de tecnoloxías tamén provocan grandes dúbidas. Estamos continuamente compartindo información persoal na rede. Non sabemos cara onde vai en termos de privacidade. “More than human” é nese sentido unha exposición interactiva, que nos sitúa cara a cara con estes debates. Podes superar a un robot que está continuamente aprendendo de ti? Temos ata o 5 de febreiro para poñer a proba esta tecnoloxía na sede Afundación da Coruña

 


 

 

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Comezamos novo curso na literatura con nova colaboradora, Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago. E exploramos os límites entre o humano e o tecnolóxico na Coruña coa exposición ‘AI: More than human’.

Pin It on Pinterest