Radio Galega

Asociación Nordés organiza a X edición das ‘Xornadas Memoria dun Tempo’ desde hoxe ata o domingo

A Asociación Nordés organiza desde hoxe, e ata este sábado  22 de agosto a X edición das “Xornadas Memoria dun Tempo”, versión Covid.19, que ven a ser plantexada e levada adiante despois dun proceso de debate sobre a realización ou suspensión deste encontro anual coa memoria histórica no Ortegal e A Mariña.  
Deste xeito, as conferencias terán un aforo limitado a 28 persoas e serán retransmitidas polo facebook de Nordesfaladora. Hoxe, a partir das 19:30 comeza o ciclo coa exposición ‘Democracia e violencia na II República’, na que intervirán Emilio Grandio, profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela; e Eliseo Fernández, historiador ferrolán e grande coñecedor da historia do anarquismo na Galicia. 

Diario Cultural das 10:30

Leti Breixo da Asociación Nordés fálanos da X edición das Xornadas Memoria dun Tempo versión Covid-19, que se desenvolverán desde hoxe ata o próximo 22 de agosto. Pakolas estrea novo libro-CD Ramona Órbita: a dona do tempo, ilustrada por Laura Romero. 

E o noso colaborador Alfonso Espiño descóbrenos algúns dos novos talentos galegos na música. 

O Cuarteto Quiroga ofrece, no marco do Festival mariñense Bal y Gay, dous pases do seu concerto

O Festival de música clásica Bal y Gay, celebrado na Mariña lucense, recibe mañá, xoves 20, na igrexa de San Martiño de Foz, ó Cuarteto Quiroga.

Descrito como “esquisito” polo New York Times, o Cuarteto Quiroga está considerado como unha das agrupacións máis destacadas da nova xeración europea, e é internacionalmente recoñecido por crítica e público polas súas interpretacións audaces e renovadoras. 

No diario cultural falamos con Cibrán Sierra, un prestixioso músico ourensán, violinista deste Cuarteto Quiroga e Catedrático de Música de Cámara no prestixioso claustro da Universidade Mozarteum de Salzburgo.

 

 

 

Carlos López publica ‘O dragón que non botaba lume’

Publicado pola Editorial Galaxia, O dragón que non botaba lume narra a historia dun dragón que só facía cousas malas incendiando vilas enteiras, grandes bosques e as palleiras dos labregos. Así que o lume, canso, decide abandonar ao dragón ata que cambia e comprométese a non facer máis o mal. Un conto infantil da autoría de Carlos López e ilustrado por Óscar Villán. 

Xavier Portas presenta o seu primeiro traballo discográfico: ‘Gesto Puro’

‘Gesto Puro’ é o primeiro álbum de Xavier Portas, e é completamente autoproducido. Un disco que é froito dun traballo desenvolvido nos dous últimos anos. Ao longo deste tempo experimentou con sonoridades próximas á música clásica, ao denominado new classical ou tamén á banda sonora. Atopamos así nestes 51 minutos de música que contén o álbum, un uso amplo de diferentes timbres, con algúns elementos de música electrónica. 

Diario Cultural das 10:30

Xavier Portas presenta o seu álbum debut Gesto Puro. O dragón que non botaba lume, é o último conto infantil da autoría de Carlos López e ilustrado por Óscar Villán publicado pola editorial Galaxia. 

Roberto Pascual fálanos de DramaturGA 20, o libro que acaba de publicar a Asociación de Dramaturxia Galega con 11 textos breves dalgúns dos seus socios. 

Os galegos “The Manueles” debutan co seu primeiro álbum homónimo cheo de surf rock e con ritmos lo-fi

The Manueles é un grupo de surf rock, formado polo guitarrista  Virxilio da Silva, o baixista Juansi Santomé e o batería Chus Pazos, que repasa o legado que deixou a inspiración do fundador do estilo, na costa Californiana do últimos cincuenta anos: Manuel Freitas, emigrante de Beluso en California, que creou o grupo xerme do estilo, The Black Rinchas, sen chegar a gravar nunca un disco.

A pesar do seu nulo legado discográfico, a súa lenda inspirou a grupos posteriores como The Shadows, The Ventures, Dick Dale e mesmo ao pioneiro da guitarra eléctrica, Link Wray.

O repertorio de The Manueles baséase nese legado de segunda man, para investigar a dimensión sonora que  Freitas creou, indirectamente, con The Black  Rinchas. Conforme esa tradición, tamén revisan algún standard de jazz, rebozado no que poderiamos chamar un Black Rincha flavouring.

Agora, The Manueles fan o seu debut cun álbum homónimo no que recollen temas como ‘Surf Sumerio’ ou ‘Pearl Ghalpon’.

O Ciclo Música Medieval en Camiño: Portus Apostoli, esténdese en Noia até a fin de semana.

Esperanza Mara é a soprano que está levando a cabo coa súa voz estes concertos que trasladan ó meievo a todos aqueles espectadores que asisten ó seu talento nos privilexiados espazos escollidos na vila de Noia: a rúa do Curro e as igrexas de Santa María a Nova e de San Martiño.

Con aforo reducido dadas as condicións impostas pola pandemia, pero con moitas ganas de pór en valor a música medieval, o programa de concertos de Esperanza Mara estenderase até a fin de semana.

DesOrdes Creativas enche de arte as rúas de Ordes ata o 20 de agosto

DesOrdes Creativas é un festival internacional de arte na rúa que se celebra cada ano en Ordes, na Coruña, e que reúne en cada edición a unha  selección de artistas do mellor do panorama galego, estatal e internacional. 
O Festival actúa como unha eficaz ferramenta de rexeneración urbana, pensamento crítico e diálogo social, que convirte vellos espazos en desuso ou abandoados en novos lugares cheos de vida e cor pra o desfrute colectivo,  e onde se xeran novas relacións de comunicación non publicitaria.  Un grande museo público e gratuíto a ceo aberto.  
A edición deste ano conta con artistas como Mou, a catalá Cinta Vidal ou o colectivo artístico Reskate Arts&Crafts.

Melgo Cinema produce ‘Ti primeiro’, unha novela visual sobre o amor

A finais deste mes de agosto vaise rodar en A Coruña a novela visual “Ti primeiro”, escrita e dirixida por Roberto Alvite, protagonizada por el mesmo e Iris Darriba, e producida por Melgo Cinema. Nela explórase a evolución dunha parella nova ao longo de varios anos, coa particularidade de facelo a través de fotografías e non vídeo. Un novedoso formato sen precedentes en Galicia que conecta co mundo do videoxogo e os newsgames ao permitir escoller como continúa a historia.Tres episodios sobre o amor que estarán dispoñibles en múltiples linguas para dispositivos móbiles no 2021.  

Pin It on Pinterest