Radio Galega

‘Millennials. Unha xeración entre dúas crises’, un ensaio de Raquel C. Pico

A xornalista millennial Raquel C. Pico preséntanos este ensaio sobre a súa xeración, no que suliña a importancia das circunstancias económicas para analizar a vida das persoas nadas entre 1981 e 1995. O libro aborda a precariedade laboral, a dificultade de acceso á vivenda ou a fatiga existencial da xeración millennial, pero tamén os avances do feminismo ou a vida ultraconectada. ‘Millennials. Unha xeración entre dúas crises’, publicada pola Editorial Galaxia é un ensaio en primeira persoa que bota man de estatísticas, noticias, series, memes e entrevistas con galegos e galegas desta xeración.

Comeza o Holanola, un festival que conecta musicalmente Nova Orleans con Santiago de Compostela, Porto e Lisboa

O Holanola Lab Fest, como ben indica o propio nome, é un laboratorio artístico capaz de forxar unha comunidade entre artistas de Nova Orleans e da Península Ibérica. Ata o domingo 17 de setembro, Compostela acollerá concertos e actividades que se acubillan nesta segunda edición do festival e que traen á cidade artistas como Sabine McCalla, Sam Doores ou Duff Thompson, xunto a artistas galegos e portugueses. Conversamos co seu director, Martín Calviño, e co músico Carlos Childe.

Cine internacional desde Bueu e Verín

O Festival Internacional de Cinema de Bueu estende ata o 23 de setembro a súa décimo sexta edición, cunha sección oficial que inclúe pezas dos cinco continentes e curtas de cineastas galegos como Ángel Santos ou Álex Fidalgo. O festival completa a programación con concertos como o de Malandrómeda e coloquios con cineastas e promove actividades formativas como a primeira Residencia FIC Bueu, que titorizará Isabel Peña, coguionista de filmes como ‘As bestas’ ou ‘El reino’. A última semana estará dedicada ao público máis novo.

A oitava edición do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV de Verín recunca nas liñas temáticas que conforman a identidade do festival: a raia e as fronteiras, as migracións e o Entroido, pero tamén inaugura unha sección específica destinada ao público infantil. As curtametraxes gañadoras coñeceranse o sábado 16 de setembro.

As salas de concertos galegas retoman a actividade tras a etapa estival con novas programacións

Logo da etapa estival, as salas de concertos de Galicia retoman actividade en setembro, ofecendo unha programación constante, inclusiva e variada. Neste contexto, reivindican tamén a necesidade de analizar o novo paradigma do panorama musical, cunha gran oferta de festivais que se estenden máis alá do verán. Falamos sobre o tema con Marcos Vázquez, presidente de Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo. 

Ademais, conversamos con Isaac Pedrouzos, dono do Café & Pop Torgal que este ano cumpre 20 anos.

Pin It on Pinterest