‘Diario dun enterro’, de Gonzalo Hermo, e ‘A luz da chuvia’ do que son coautores Delfín Caseiro e mais Antón Jardón

Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de dúas novidades narrativas: a novela Diario dun enterro, de Gonzalo Hermo, e mais o libro de relatos A luz da chuvia, do que son coautores Delfín Caseiro e mais Antón Jardón.

Diario dun enterro (Galaxia) achéganos a historia dun escritor novo, Xacobe, que vive en Barcelona e ten que regresar a Eiradona, a súa localidade natal en Galicia, para asistir ao enterro de seu avó. A narración, que se nos presenta baixo fórmula diarística, vainos relatando o que acontece dende que Xacobe sabe do pasamento do seu familiar ata que rematan as exequias e regresa a Catalunya, polo que a acción se concentra en apenas tres días. Tan intensa vivencia obriga ao protagonista a repensalo todo: as relacións que mantén coa familia e co seu namorado, a distancia que o separa da súa terra, o contraste entre a vida urbana barcelonesa e a do rural galego e todas as circunstancias que caracterizan a súa vida como escritor en precario.

A luz da chuvia (Toxosoutos) é un conxunto de dez relatos protagonizados por diversos personaxes que deambulan pola Galicia interior dos tempos da Posguerra, aturando unha vida chea de miserias e de friaxes. Nestas historias os espazos, os ritmos e ciclos da natureza, amais dos códigos herdados da tradición teñen unha importancia decisiva para entender o proceder dos personaxes, en moitos sentidos arquetipos dunha Galicia eterna que aos aproxima aos modelos da literatura oral e popular.

Pin It on Pinterest

39 Shares
Share39
Tweet
Share