Estrea de ‘Daimon e a fodida lóxica’, de Matarile Teatro

Daimon ou demon é un termo de orixe grega co cal aquela sociedade facía referencia ao destino particular das persoas. Na posta en escena que Matarile estreou a pasada fin de semana na Sala Ártika de Vigo, emprégase este concepto como punto de partida pra facernos sentir, percibir e vivenciar unha serie de cadros diversos, enfiados por un anxo e ás veces demo con ás ou nariz longo de pau, danzando entre o elenco que se presenta, que nos pregunta polo medo, que nos canta unha canción de karaoke, que reflexiona sobre os referentes da directora Ana Vallés e as presenzas máxicas que habitan a (súa) escena: Pina Bausch, Tadeusz Kantor, Ono, Roberto Bolaño… Un elenco composto por actrices, músicos, actores, bailarinas (Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Celeste, Alba Loureiro, Cristina Hernández Cruz, Nacho Sanz, Jorge de Arcos, Neus Villà Jürgens, Ana Cotoré) con Baltasar Patiño replicando co espazo (lumínico) e que nos presentan a materia do berro, da ironía, do misterio, da esperanza, do inexplicable, dos preconceptos, do decorrer da vida (pero que vida? vida digna? vida elixida? vida trazada?)
Daimon ten, loxicamente, moitas das características compositivas e estéticas da compañía, fundada en Santiago de Compostela no ano 1986: a autorreferencialidade, a fragmentación, a crítica (tamén vemos a autocrítica e a autoparodia na primeira escena, cando se fala de compañías e Ricardo Santana confesa ao micrófono que o peor que lle pode pasar a un artista é a indiferenza, por iso apunta que ás veces a mellor solución é a vaidade). Pero nesta peza temos proxección audiovisual e ten un especial protagonismo a música, un espazo sonoro creado ao vivo que nos transporta por sentimentos diversos, irracionais, libres. Porque iso é ao que nos convida Matarile: a sentir libremente e voar cos nosos anxos e demos, sen racionalizar por que voamos.

Pin It on Pinterest

10 Shares
Share10
Tweet
Share