‘O libro da filla’, de Inma López Silva e ‘A incríbel viaxe de Noa’, de Fernando M. Cimadevila

Esta semana Armando Requeixo tráenos dúas propostas narrativas ben diversas: dunha banda, a novela O libro da filla, de Inma López Silva, e, doutra, o relato A incríbel viaxe de Noa, de Fernando M. Cimadevila.

O libro da filla (Galaxia) é un relato social e intimista, onde unha trama familiar e particular lle serve á autora para propor unha revisión en clave xeral e pública: unha prestixiosa xornalista, Helena Sánchez, acepta investigar o caso de Fernando, que sofre condena por agresión sexual á súa filla. A intención é que a reportaxe xornalística lle sirva para restaurar a súa imaxe e axudar a eximilo, pero pronto a periodista vai bater co dificultoso desentrañamento dunha verdade escura, na que non se sabe ben se existe ou non o complot entre a ex-muller de Fernando e a súa filla, tal como el defende, ou a condena é xusta. Polo camiño cruzan as fías do totalitarismo neofascista da extrema dereita e das complexidades dun amor non sempre ben entendido. Unha novela que entrelaza as fías do sentimental e do político para poñer ao descuberto as miserias da sociedade que nos acubilla.

A incríbel viaxe de Noa (Contos Estraños) é o relato dunha aventura pola supervivencia nun mundo postapocalíptico. A historia de Noa, unha rapaza que tenta fuxir da Urbe ata un lugar arredado do centro dunha civilización agresivamente hipertecnoloxizada, sérvella a Cimadevila para facernos reflexionar sobre o perigo dos extremos antiecolóxicos nos que o ser humano se move ao tempo que propón unha narración de aventuras engaiolante, protagonizada por unha afouta moza e o seu can, acompañados dun robot. Unha historia que acusa a pegada do director xaponés e debuxante Hayao Miyazaki e que tira proveito do recurso ao manuscrito atopado e o intelixente xogo de planos temporais.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share