‘Os nomes do vento’, de Juan Andrés Fernández Castro, e mais a novela ‘O viaxeiro perfecto’, de Iván García Campos

Neste día sinalado no que celebramos a Noiteboa, Armando Requeixo non quere faltar á súa cita semanal para recomendarnos dúas novas lecturas: o libro de relatos Os nomes do vento, de Juan Andrés Fernández Castro, e mais a novela O viaxeiro perfecto, de Iván García Campos.

Os nomes do vento (Fervenza) reúne unha trintena de relatos de moi variada fasquía, tanto no temático coma no estilístico, acompañadas das suxestivas ilustracións de Xosé Vizoso. Nestas historias atoparanse narracións de recendo colonial, de protagonismo mozo, críticos co frikismo televisivo, textos de refactura mítico-literaria, evocacións familiares, contos de terror, pezas de carácter fantástico, case epopeas, relatos animistas e aínda simbólicos.

O viaxeiro perfecto (Galaxia) achéganos a historia de Raimundo Martín, un ancián profesor que, por mor da súa delicada saúde, ten que se trasladar periodicamente ao hospital en ambulancia. Nun deses traslados coñece o condutor Mario, con quen acabará trabando unha amizade fraternal. Raimundo, consciente de estar a vivir os seus últimos días, manifesta a Martín o seu desexo de realizar en coche unha viaxe a París, o lugar no que transcorreu a súa mocidade e onde desexa ver por derradeira vez algunhas persoas que foron decisivas na súa vida. Esta novela é o relato desa viaxe, un camiñar polas estradas que é, ao tempo, unha intensa viaxe interior que os mudará definitivamente.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share