Repasamos autores clásicos da literatura infantil e xuvenil

Este verán recuperaremos autores e autoras clásicas da literatura infantil e xuvenil que podemos ler en galego.

Empezamos hoxe con Anthony Browne, un autor británico que quizais sexa un dos mellores autores de álbums ilustrados de todos os tempos. Caracterízase por unha visión irónica da sociedade e por crear unhas obras aparentemente moi infantís que, non obstante, gardan mensaxes moi interesantes para o mundo adulto. Publicou máis de 50 libros infantís, creados e ilustrados por el mesmo, que lle valeron, entre outros, o Premio Hans Christian Andersen, algo así como o Nobel da LIX. Falamos hoxe de dúas das súas obras:

“O libro dos porcos” é un álbum de 1986, publicado en galego por Kalandraka e traducido por Xosé Manuel González Barreiro. O argumento conta como nunha familia tradicional inglesa, formada por unha nai, un pai e dous fillos, todas as tarefas do fogar recaen precisamente na muller, que se ve obrigada a limpar e cociñar para os homes cos que convive, que recollen máis ben pouco. Pero un día, a nai rebélase e marcha, deixando unha nota que só di: sodes uns porcos. A partir de aí e a sopresa vén, sobre todo, da banda da ilustración: Browne pinta o pai e os dous fillos como uns porcos. Non por acaso, a familia chámase de apelido “Porconi”.

“Un paseo polo parque”, unha das súas primeiras creacións, tamén está publicada por Kalandraka en tradución de Sandra e Óscar Senra. Tamén trata unha cuestión social, agochada nunha historia bastante convencional: un pai, unha filla e o seu can van dar unha volta a un parque da cidade, o mesmo que outra familia formada por unha nai, un fillo e unha cadela. Mentres os animais e os nenos son quen de xogar e deterse nas cousas miúdas, os adultos son incapaces de se mirar á cara e de falar minimamente. Detrás desa historia, e a través das ilustracións, obsérvase unha diferenza de clases sociais moi evidente, tanto a través de como van vestidos os personaxes, como deténdose nos edificios onde viven.

Estas dúas obras son un convite a descubrir a un creador moi orixinal, de textos aparentemente sinxelos, que se apegan fortemente a unhas imaxes máis difíciles de ler, máis misteriosas e tamén máis potentes. Os álbums de Browne son especialmente interesantes porque sempre aluden a unha lectura infantil, máis inocente, quizais, menos complexa, e a unha adulta que adoita remover máis.

Pin It on Pinterest