A Berberecheira de Chévere

Iniciativa de custodia do territorio teatral, así define Xesús Ron o proxecto que Chévere puxo en marcha cando recibiu o Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura e que ten por obxectivo redirixir e reinvestir o soporte e o capital humano da compañía para que artistas sen compañía poidan desenvolver un espectáculo e distribuílo.

Ata o momento foron tres pezas de teatro documento, inspiradas en vivencias persoais: Goldi Libre sobre a obxección de consciencia do servizo militar obrigatorio, Salvador sobre a emigración e Anatomía dunha serea sobre a violencia obstétrica.

Hoxe falamos desta última, creada e interpretada por Iria Pinheiro, un espectáculo que nos amosa secuelas dunha ramificación do machismo social e que moitas mulleres sofren en todas as fases do embarazo e do parto. Unha peza que emprega datos, parodia, canto, poesía, humor e denuncia para expor o absurdo de moitas situacións violentas, indignantes e habitualmente eufemísticas. O teatro como rito liberador e de denuncia, o corpo como unha galaxia de recordos, a poesía verbal e visual da escena para facernos visible esoutro teatro menos respectuoso e divertido, o de certos comportamentos sociais e o do machismo histórico que campa aínda por algunhas consultas, protocolos e persoal obstétrico do noso sistema de saúde público.

Pin It on Pinterest

26 Shares
Share26
Tweet
Share