As novelas ‘Extraordinario’ e ‘O Santo Graal galego’

Na súa primeira colaboración do 2019 Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas novelas: ‘Extraordinario’, de Antón Lopo, e mais ‘O Santo Graal galego’, de Luís Rodríguez Rivera.

‘Extraordinario’ (Galaxia) é o título da novela coa que o monfortino Antón Lopo gañou o último Premio de Narrativa Breve Repsol. A historia dun fillo quese ve obrigado a coidar de súa nai —coa que hai trinta anos que non se fala—porque vai ser ingresada para ser operada centra este relato. Un texto que reflexiona sobre o papel da familia, o amor, a liberdade e o pracer. Unha viaxe ao corazón da infancia e a mocidade, á lembranza daqueles episodios que foron confirmando a personalidade do protagonista a través dunha ollada lúcida e irónica e unha prosa de quilates servida en entregas breves.

‘O Santo Graal galego’ (Dr. Alveiros/ Fundación Vicente Risco) é a obra gañadora do III Premio Antón Risco de Literatura Fantástica. Unha fabulación na que, baixo a escusa da procura do suposto santo graal nunha cova do Pico Sacro, se desenvolve toda unha trama de picaresca política con móbil económico que acaba por ennobelar os singulares protagonistas desta historia, directivos dunha improvisada Asociación do Santo Graal Galego: un funcionario de bibliotecas da Cidade da Cultura, unha falsa monxa perseguida polo seu exnoivo narcotraficante e mais un parado de longa duración abondo rapineiro.

Pin It on Pinterest