Alicia no país das marabillas, un libro para a rapazada

Hoxe falamos dun dos autores de literatura infantil máis coñecidos de todos os tempos, Lewis Carroll, e da que tamén é a súa obra máis coñecida: Alicia no país das marabillas. Estamos afeitas a ver a historia en soportes tan diferentes que nunca está de máis coñecer a historia orixinal. Ademais, pódese dicir que Alicia foi un dos primeiros clásicos xuvenís en estar traducido ao galego e, de feito, a súa tradución, realizada por Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro, conseguiu en 1985 o Premio Nacional -Estatal- de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís.

Lewis Carroll foi un personaxe moi interesante, que combinou a súa faceta de escritor de textos para a rapazada co seu posto como matemático e diácono en Christ Church, un dos colexios de Oxford. O seu nome orixinal era Charles L. Dodgson e combinaba o seu traballo en Oxford con afeccións artísticas, como eran a fotografía, inventar xogos ou diferentes contos e poemas. A cerna de Alicia haina que buscar na relación que establece coas fillas de Henry Lidell, compañeiro seu en Christ Church. Canda outro amigo, lévanas de picnic e aí prende o argumento da historia, no conto que Carroll/Dogdson lle conta á mediana delas, Alicia, para entretela nese paseo á beira do río, que permite tamén entender o comezo da obra.

Propoñemos volver a Alicia porque nunca cansamos de seguir a ese coello que chega tarde polo seu tobo, porque é un canto á imaxinación, ao disparatado, a ese corpo que se pode volver pequeno, pequeno ou grande, grande só comendo algo, porque é unha oportunidade para ver como se mestura o victorianismo da época de Carroll coa súa parte máis surrealista, porque ten un pouso de conto no que semella que van ocorrendo cousas inesperadas aparentemente soltas entre si, porque hai que perderlles o medo ás obras das que tanto se fala. É unha obra que se pode ler e ver en familia (dende o clásico de Disney á última Alicia de Tim Burton), porque nos ensina cousas que non valen para a vida práctica, senón para a interior (“O tempo é un señor).

En galego podemos lela en Xerais, nunha versión con notas ao pé e limiar, nas edicións de Cumio e Everest, pensadas para as máis cativas da casa, e a edición case de coleccionista de El Patito Editorial, con tradución de Xabier Queipo e cunhas singulares ilustracións de Fausto Isorna.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share