‘Michigan/Acaso Michigan’ de Antón Reixa e ‘A través do fume’ de Antonio Piñeiro

Esta semana Armando Requeixo achéganos o comentario de dúas propostas narrativas: o relato autobiográfico ‘Michigan/ Acaso Michigan’ de Antón Reixa e a novela ‘A través do fume’ de Antonio Piñeiro.

‘Michigan/ Acaso Michigan’ é a crónica dos dezaoito días que o polifacético escritor vigués Antón Reixa pasou en coma inducido logo de sufrir un aparatoso accidente en outubro do 2016 cando viaxaba en auto de Galicia cara a Madrid. O relato do propio accidente, a súa longa estancia hospitalaria e a soñada vivencia mental que alí tivo amais das reflexións sobre como este feito traumático cambiou a vida do autor constitúen a cerna dunha narración poliédrica e mestiza, que ten moito de poético e que incorpora un relato en imaxes paralelo de Antonio Segade, complementado por un vídeo seu dispoñible en YouTube ao que se pode acceder directamente a través dun código qr. O libro complétase cun prólogo da poeta Chus Pato e un epílogo epistolar cruzado entre Reixa e o tamén poeta e xornalista Daniel Salgado.

A través do fume é unha narración en flashes ou prosas breves tecidas con fía poética. A través destes pequenos episodios a súa protagonista, a moza emigrante Nina, rememora a infancia a carón de súa nai presidida pola sombra ominosa da ausencia do pai, percorre as intensas e complexas relacións lésbicas e outras experiencias sexuais das mulleres que a rodeaban no tempo da infancia e, sobre todo, lembra e indaga no ambiente melancólico no que se criou e foi conformando a súa personalidade, todo contado dende o presente narrativo, cando se dispón a tomar un avión no aeroporto flamengo de Zaventem para regresar a Santiago e recoller as cinzas de súa nai acabada de falecer.

Pin It on Pinterest