Lemos as biografías de Castelao e Rafael Dieste

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas biografías literarias de gran calado: Castelao. Construtor da nación (Tomo I.1886-1930), de Miguel Anxo Seixas Seoane, e mais Rafael Dieste. O libre pensamento, de Luís Rei Núñez.

Castelao. Construtor da nación (Tomo I. 1886-1930) (Galaxia) é a primeira entrega dunha triloxía na que o investigador e ensaísta Miguel Anxo Seixas Seoane dá conta, polo miúdo, da vida e obra de Castelao en todas as súas facetas, momentos, relacións, implicacións e interpretacións. Este primeiro volume, que supera as mil trescentas páxinas, analiza en profundidade a peripecia vital do xenial escritor, sobranceiro intelectual e insigne galeguista dende o seu nacemento ata o comezo da década dos anos trinta, un tempo de formación e pronta consagración como pintor e prosista.

Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais) reescribe e pon ao día o libro A travesía dun século. Biografía de Rafael Dieste, publicado por Luís Rei Núñez en 1987 en Ediciós do Castro. O resultado é unha obra nova, máis extensa e rica na información contida, nas interpretacións ofrecidas e no volume de fontes manexadas para ofrecer esta achega actualizada e mellorada respecto daquela primeira aproximación. O relato de vida de todo un clásico contado co oficio e a solvencia dun destacado narrador actual.

Pin It on Pinterest