‘As fauces feroces’ e ‘Sándalo’, primeiras recomendacións deste nova tempada de Armando Requeixo

Comeza setembro e Armando Requeixo regresa para nos recomendar dúas novelas coas que acompañar esta fin de verán: Sándalo, de María Xosé Queizán, e As fauces feroces, de Emma Pedreira.

Sándalo (Xerais) é unha longa narración que explora os camiños cruzados de Galicia e Cuba nos últimos dous séculos. Unha andaina por veces paralela por veces converxente, que aquí espella en personaxes dacabalo entre a ficción e a inspiración real e que, a través da historia dunha saga familiar, vai mergullándonos nalgúns dos máis destacados episodios de ambos os territorios. Un relato con abondosos saltos temporais e voces do discurso, que brilla na súa traballada prosa e amalgama con acerto a eficiencia periodística e o requinte literario.

As fauces feroces (Baía) é un relato de voces cruzadas, de historias en cadoiro. Dunha parte, a narración da complexa relación que nos nosos días manteñen unha nai e a súa filla e, doutra banda, a intensa relación que une a monxa italiana Benedetta Carlini e a súa compañeira Bartolomea nos tempos da Contrarreforma. Dous tempos e dous mundos, pero unha mesma esencia: a reflexión sobre a diversidade dos afectos, a sexualidade, a maternidade e o libre albedrío, tamén si o mundo da escrita e o propio proceso de creación literaria.

Pin It on Pinterest

1 Shares
Share1
Tweet
Share