Centenario da Coral de Ruada de Ourense

Unha exposición de alumnado de Escenografía e unha posta en escena dun texto de Xavier Prado Lameiro no cal participou alumnado da ESAD xunto cos membros da centenaria Coral, engalanaron estes días as rúas e o Teatro Principal de Ourense para divulgar o que supuxeron aqueles Coros, os seus Cadros de Declamación e a actividade escénica durante o Rexionalismo e a época das Irmandades da Fala, tanto para a dignificación do idioma como para o asentamento dunha tradición de noso na cultura escénica popular.

A versión escénica desta Retirada de Napoleón, de Prado Lameiro, mantén os elementos característicos daqueles espectáculos. Este traballo, presentado o 31 de maio no Teatro Principal de Ourense, estivo coordinado por profesorado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, xunto cos membros da Coral. Mestura e une a interpretación cómica de personaxes tipo, con elementos costumistas, música, baile e o canto final do Himno Galego, como era costume e tradición. Pero sobre todo, con estas actividades mestúrase tradición, historia, patrimonio, traballo documental e novos valores. O traballo coa comunidade e con distintos axentes culturais fará máis sensible e mellor a unha profesión en formación que, pola súa banda, fai sentir fresca e dinámica a unha institución coma a Coral de Ruada, depositaria de parte inconmesurable da identidade e da memoria cultural dun país.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share