Dous libros infantís que falan do paso do tempo

Hoxe falamos con Montse Pena de libros que abordan un tema clásico na literatura de todos os tempos: o paso do tempo.

Blackie Books publica en galego Cinco minutiños máis, da escritora e ilustradora Marta Altés, traducido por María Alonso Seisdedos. Un álbum narrado por un raposiño pequeno cuxo pai sempre lles pide a el e ao seu irmán cinco minutos máis. En realidade, a historia fala da xestión do tempo que facemos os adultos, sempre correndo dun lado a outro tirando dos pequenos e pequenas. A narración en primeira persoa por parte dun neno fainos conscientes de que o tempo é, en realidade, o máis importante que temos e que cómpre gastalo no que realmente importa: chapuzar nas pozas ou coñecer novos amigos.

Tamén falamos de Caderno de lúas, de María Canosa e Dani Padrón, publicado por Bululú en 2018. O conto narra a historia dunha nena que dialoga coa lúa porque non pode durmir e comeza a escribir un caderno en que vai contando os cambios que observa no astro, acompañada do seu avó. O libro é un convite a fixarse no miúdo, a observar os elementos naturais e a compartilo coa xente que queremos. As ilustracións son de Dani Padrón, que nesta ocasión apostan polo xogo de perspectivas e por continuar a liña da tenrura, que o leva a que o dueto con Canosa sempre funcione ben.

Pin It on Pinterest