Estréase ‘Soma’, de Javier Martín e o CDG

SOMA é a última produción de Javier Martín, participada polo CDG e coa intervención tamén do escultor Joaquin Jara, do deseñador de espazo sonoro Artur M Puga, do iluminador Octavio Mas e da produción de Sabela Mendoza. Unha peza que indaga dende a escultura e o deseño do espazo nas artes do movemento e cuxo amparo na Compañía pública de teatro resalta ironicamente o lema das coproducións do ente: “porque hai combinacións sorprendentes”. Neste caso o sorprendente tamén é que un espectáculo con forte indagación nas artes do movemento sexa coproducido polo CDG e non polo CCG (o Centro Coreográfico, unidade pantasma irmá e tamén dependente da AGADIC). Sorprendente que non haxa colaboración. Sorprendente que non se pidan explicacións a un centro público creado para o fomento da creación e investigación nas artes do movemento en todas as súas variedades. Sorprendente que a AGADIC manteña no cargo unha dirección canto menos errática do CCG. Mais a noticia é outra: a Directora do CDG dimite, abandona un Teatro ao que a AGADIC tampouco lle prestou moita atención, afogado pola burocracia administrativa e pouco eficiente para a arte.

Das combinacións sorprendentes da Dirección de Fefa Noia e de todo este panorama fican pezas coma SOMA. Unha fronteira entre a escultura e a danza, a beleza do sinxelo, o protagonismo do corpo humano, o concepto da medida e do peso. Unha composición visual que suxire o sino dese lugar co corpo desmembrado no proscenio e un corazón colgado dunha báscula ao final: ás negras para rexurdir e voar.

Pin It on Pinterest