Galicia Escena Pro no medio da tormenta

O mercado das artes escénicas galegas ten lugar estes días en varios puntos de Santiago de Compostela e pretende ser un lugar de encontro, compravenda e promoción do noso diverso sector escénico. Galicia Escena Pro xa non é un mercado organizado pola Administración, senón coordinado pola Asociación profesional Escena Galega, en colaboración coa AGADIC.

A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a potestade de marcar as pautas da política teatral galega, pero nestes días aparécenlle máis problemas ca propostas e plans directores, inexistentes nestes últimos anos. O sector denunciou esta fin de semana graves irregularidades no Centro Coreográfico Galego co gallo da estrea do espectáculo Maestro Rodrigo no Teatro Colón da Coruña. A renuncia de Fefa Noia á Dirección do CDG acompañou ao Director da Axencia dependente da Consellería de Cultura ao Parlamento, onde foi preguntado polos plans e propostas de mellora para un centro asfixiado pola burocracia e sen posibilidades de acción dilixente e acordes á súa actividade.

O fomento da actividade e da iniciativa privada, crecente e dinámica, é incompatible cuns organismos públicos sólidos e eficientes no sector escénico? Debe o teatro galego fiar a súa sorte ao funcionamento discutible de Galicia Escena Pro? Por que a proxección exterior do teatro galego non se considera estratéxica? Cumpre a Administración pública os seus mandados con respecto á madurez creativa e ás potencialidades do sector teatral galego? Preguntas que convén pór enriba da mesa nestes días de feira e tormenta.

Pin It on Pinterest