Lecturas para coñecer un pouco máis a Antonio Fraguas

Nesta semana tan especial na que celebramos o Día das Letras Galegas, Armando Requeixo ofrécenos unha panorámica dalgunhas das publicacións que con tal motivo foron aparecendo arredor da vida e obra de Antonio Fraguas Fraguas, o persoeiro que este ano homenaxeamos.

Para aquelas persoas interesadas na súa escrita etnográfica, histórica e xeográfica convida á lectura dos ensaios breves Do tempo e dos astros (Galaxia) e O Santuario da Franqueira (Galaxia), amais das compilacións Antonio Fraguas. As cousas de Antonio de Insuela (Xunta de Galicia) e Antonio Fraguas Fraguas. Primeiros estudos etnográficos (1930-1932) (Consello da Cultura Galega).

Para os máis interesados na súa faceta intelectual e biografía literaria Requeixo recomenda, para a xente máis nova, Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo (Xerais) de Héctor Cajaraville e, para o público xuvenil e adulto, o máis completo Antonio Fraguas. Mestre da memoria (Galaxia), de Malores Villanueva.

Finalmente, pensando nos máis noviños da casa e no traballo nas escolas lembra a aparición dalgúns valiosos materiais como o cómic de Pepe Carreiro Antonio Fraguas (Bolanda), pertencente á serie Os Bolechas; o relato ilustrado A detective Peregrina e o insólito ‘caso Antón Fraguas’ (Lela), de Enrique Mauricio e Carlos Taboada; ou o álbum-disco Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas (Galaxia), de Xoán Curiel.

Pin It on Pinterest