Lemos ‘Co pai’, de Neira Vilas e ‘A rota do Oeste’, de Henrique Dacosta

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dous textos narrativos de natureza ben diversa: dunha banda, as prosas breves de Xosé Neira Vilas reunidas en Co pai e, doutra parte, a novela longa A rota do Oeste,de Henrique Dacosta.

Co pai (Galaxia) é un conxunto de pequenas estampas rememorativas da figura paterna nas que Xosé Neira Vilas reconstrúe a memoria da relación co seu proxenitor, a un tempo construtor, carpinteiro e labrego, pero, sobre todo, a figura protectora e bondadosa da que tanto aprendeu o futuro escritor, quen pouco antes do seu pasamento escribiu estas dúas ducias de textos que ficaran inéditos e agora se publican postumamente.

A rota do Oeste (Embora) de Henrique Dacosta é unha novela de aventuras que ten moito de road movie literaria. A viaxe do islandés Gudmund Arnórsson seguindo a vella ruta dos seus devanceiros tardoviquingos dende Xutlandia ata Galicia, coñecida como o Vestvegr, é o inicio dunha trama que o levará a relacionarse coa galega Ana Saavedra e vivir persecucións, leas concontrabandistas e outras sorprendentes peripecias polas terras ártabras e do Camiño Inglés.

Pin It on Pinterest