Libros sobre a paz para os máis pequenos da casa

Neste espazo de cultura con Montse Pena Presas falamos de literatura infantil e xuvenil. Hoxe facemos unha viaxe polos “libros para a paz”, xa que o 30 de xaneiro é o día da paz. Aquí temos dúas propostas para idades diferentes.

A primeira delas é a peza teatral ‘A derradeira bala’, de Fernando Castro Paredes. Esta obra publicada pola Editorial Galaxia está dirixida a un público adolescente.

O argumento céntrase no encontro cun soldado represaliado que vai ser asasinado por dúas irmás condenadas a facelo por formar parte da xerarquía militar, aínda que se formulan os motivos de que ocorra isto.

A obra presenta un xogo co absurdo e co humor ante unha situación de inxustiza e de conflito social, que permite ridiculizar os totalitarismos.

Esta peza amosa a importancia da compoñente social nas obras dramáticas dirixidas á infancia e á mocidade.

A segunda obra que comentamos con Montse Pena é o álbum ilustrado ‘O nacemento do dragón’ de Wang Fei, Marie Selier e Catherine Louis. Esta peza foi traducida ao galego por Fernando Moreinas e reeditada por Kalandraka.

A nosa experta Montse Pena analiza a relación coas tradicións populares chinesas, contando parte do seu argumento. Tamén comenta as ilustracións, que podemos relacionar coa técnica de gravado e co xogo das cores intensas.

Tamén explicaremos o motivo polo cal esta obra é unha porta á paz, mais tamén á interculturalidade, ao achegarmos dun xeito ben suxerente á cultura chinesa.

Pin It on Pinterest