Libros sobre maletas e viaxes, físicas ou metafóricas

Hoxe falamos de dous libros de versos que comparten, ademais de editorial (Kalandraka), a importancia que neles teñen as maletas e, con elas, as viaxes, algunhas físicas e outras metafóricas, como as que comezamos a partir de hoxe.

Ratos de Viaxe, de Oli e Natalia Colombo, está dirixido ao público prelector e perfecto para encetar este verán que se resiste. Os ratos deste conto marchan de viaxe en autocaravana á praia e alí vivirán algunhas aventuras, como por exemplo, que algún se queime por non botar crema, escalar unha duna ou voar coa axuda dun papaventos. É un libro recomendado non só para o período estival, senón tamén para aqueles lectores e lectoras que xa coñecen o primeiro libro desta serie Os ratos da casa, cando esta divertida familia de ratos “ocupaba” unha casa para quedar a convivir nela. É unha historia redonda para nenos e nenas de 2 a 6 anos e os contos rimados son o primeiro paso para introducir aos cativos e cativas da casa na poesía.

Versos viceversos de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, ilustrado por Juan Ramón Alonso, é un libro marabilloso, pola súa delicadeza, por supoñer esa maleta de poesía que nos levamos para o verán, que pode ser un agasallo perfecto para este final de curso. O libro inclúe poemas de dous creadores de orixe moi diferente, o noso Premio Nacional de Literatura Antonio García Teijeiro e o andaluz Martín Ramos, un poeta e titiriteiro peculiar, de verso libre, con especial interese pola lectura, o paso do tempo, ou o pacifismo. Moitos poemas están creados a partir de versos propios deles dous, non sabemos a quen corresponde cada verso, nunha especie de escrita a catro mans moi interesante. Os temas que se abordan son variados: o mar, a importancia dos libros na nosa vida, o posicionamento contra a violencia, os diferentes elementos naturais, etc.

Pin It on Pinterest