‘O mar que nos leva’ e ‘A simetría das bestas’, dúas novelas de intensidade dramática

Esta semana Armando Requeixo ocúpase de dúas novelas de intensidade dramática: ‘O mar que nos leva’, de Moncha Fuentes, e mais ‘Asimetría das bestas’, de Alberto Ramos.

‘O mar que nos leva’ (Xerais) supón a estrea como narradora de Moncha Fuentes. Nesta novela, Mariña Brei Catrofes, a súa protagonista, recibe a terrible noticia de que padece un cancro de mama. A partir dese momento desencadéase todo un proceso de rememoración do que foi a súa vida, tanto coa súa familia como, sobre todo, con Paulo, o seu grande amor, falecido en circunstancias tráxicas. Unha historia que espella un drama persoal e transparenta, de fondo, todo un tempo social: o da Galicia de comezos dos setenta, un período avolto e difícil, politicamente moi complexo, no que o amordos dous protagonistas se abre paso en medio das máis intensas vivencias.

‘A simetría das bestas’ (Urco) é a obra coa que Alberto Ramos se fixo co Premio Risco de Creación Literaria deste ano. Como na novela anterior, tamén nesta a súa protagonista, Caridad Verdet, sabe dunha enfermidade dexenerativa que a condena a desaparecer, o que a obriga a repensar a súa relación con Fervaq, o seu mozo, pois teme que a nova situación lle resulte inaturable. Ao nos achegar á súa traxedia persoal descubriremos a singularidade de Caridad, unha escritora a quen a vida non llo puxo nada fácil, mais tamén saberemos do xenuíno da personalidade e do pasado de Fervaq, o pintor do que está fondamente namorada, un outro exemplo de superación fronte ás innúmeras trapelas que agocha o destino.

Pin It on Pinterest

26 Shares
Share26
Tweet
Share