‘O planeta dos simios’ e ‘O derradeiro verán’, traducidos ao galego

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dous clásicos traducidos recentemente ao galego: O planeta dos simios, de Pierre Boulle, e O derradeiro verán, de Ricarda Huch.

O planeta dos simios (Faktoría K) foi traducido por Antía Veres Gesto e narra o extraordinario relato de dous científicos que, no ano 2500, son enviados xunto cun xornalista e un chimpacé a explorar Soror, un dos catro planetas que xiran arredor da estrela superxigante Betelgeuse, por ver se hai vida nel. Cando aterran descobren que si está habitado, mais abraiantemente a especie que goberna nel non é a humana, senón a dos simios, todo o cal sabemos polo propio testemuño destes viaxeiros, atopado moito despois por dous viaxeiros espaciais que dan con el nun manuscrito depositado no interior dunha botella que flota no éter.

O derradeiro verán (Hugin e Munin) foi vertido ao galego por Rosa Marta Gómez Pato. Nesta novela epistolar coñecemos a complexa vida dunha familia da alta burguesía rusa, os Rasimkara, que se ven obrigados a marchar de San Petersburgo en 1906 polas revoltas estudantís que alteran a vida da cidade. Na súa residencia estival os Rasimkara estarán acompañados de Lju, un mozo que fai a un tempo de secretario e escolta de Jegor, o pai da familia e gobernador da cidade, quen se atopa ameazado de morte polos discentes. As peculiares relacións que se establecen entre o mozo —quen ten a misión secreta de acabar coa vida do seu protexido— e a familia Rasimkara constitúen a cerna desta intrigante narración.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share