Propostas literarias para coñecer mellor o planeta

Montse Pena fálanos de obras para coñecer mellor o planeta e para facernos consciente do que estamos a facer con el.

A primeira proposta é Animalia 2. Branco de Xosé Tomás en Xerais. Un conxunto de  tiras máis ou menos cómicas  sobre o mundo animal no ambiente polar. De aí o subtítulo da obra, “branco”, que remite por contraste ao que foi o primeiro volume da serie, ese animalia “verde”. En realidade pola obra van pasando todo tipo de cuestións “humanas” que, sen dúbida, aluden a quen le: dende a envexa (que fai un loro con esa exuberancia de cores no Ártico), a frustración -o fracaso dun lobo que montou unha fábrica de conxelados no Polo Norte-, o medo -o pesadelo dun osiño cos abrigos de pel-,ou o estupor, propiciado polas excursións da terceira idade ao Ártico protagonizada por animais da selva. De feito, o creador anímanos a ler esas viñetas en clave humana, pedíndonos dende o comezo que coloquemos unha cara de persoa neses animais.

A outra proposta é un libro tamén moi especial, que tamén forma parte dunha serie, aínda que non se trate dunha obra de ficción. É Inventario de froitas e verduras de Virginie Aladjidi e Emmanuelle Tchoukriel, traducido por Fernando Moreiras para Kalandraka. O libro propón unha aproximación implecable ao mundo das froitas e das verduras, cunha chea de curiosidades e cunha representación gráfica que combina a fermosura coa precisión na súa representación. A obra é un magnífico convite a saber curiosidades sobre as froitas e as verduras que quizais descoñeciamos, por exemplo, a saber que tamén hai berenxenas brancas, a coñecer a planta das lentellas ou a ser consciente de que piña é unha palabra da lingua guaraní que significa “perfume dos perfumes”. Un libro diferente para gozar del en familia e aos pouquiños, imprescindible -este ou calquera dos da súa colección- nunha biblioteca familiar con variedade de títulos e de formatos.

Pin It on Pinterest