Xa en galego dúas novelas de éxito en Europa: ‘O ano da lebre’ e ‘Pequena Inglaterra’

Esta semana Armando Requeixo tráenos a nova de dúas traducións ao galego de interesantes novelas aplaudidas en toda Europa: ‘O ano da lebre’, do finlandés Arto Paasilinna, e mais ‘Pequena Inglaterra’, da cretense Ioanna Karistiani.

‘O ano da lebre’ —publicada por Rinoceronte en tradución dende o finlandés de Tuula Ahola e Tomás González Ahola— é a primeira das novelas que publicou Arto Paasilinna, afamado narrador que desapareceu o pasado outubro. A historia cóntanos a metamorfose que vai experimentar a vida de Kaarlo Vatanen, un coñecido xornalista atrapado nun matrimonio en crise, quen ve como todo cambia nos seus días logo de atropelar, por casualidade, unha cría de lebre. A partir dese momento, unha serie de circunstancias encadeadas levarano a emprender unha viaxe por todo Finlandia ata chegar aos seus límites co Mar Branco, un deambular xeográfico que é tamén unha viaxe interior na procura da súa liberdade como individuo.

‘Pequena Inglaterra’ —aparecido en Hugin e Munin e vertido dende o grego por Alfonso Blanco— é a obra coa que Ioanna Karistiani gañou o Premio Nacional de Literatura de Grecia en 1997. Unha narración que ten moito de neotraxedia, inzada de personaxes con vidas intensas e, por veces, agónicas, un mundo de mariñeiros da primeira metade do XX que viven as súas xeiras entre o amor, aperda, as renuncias e a sororidade e que conforman unha singular galería de individuos movidos polo destino e as complexas relacións interpersoais.

Pin It on Pinterest

11 Shares
Share11
Tweet
Share