Día da Muller dende o Consello da Cultura Galega

Neste Diario cultural imos ata a biblioteca do Consello da Cultura Galega. O vindeiro 8 de marzo, as mulleres volven saír ás rúas para reinvindicar os seus dereitos.

“Esta é unha loita de hai máis de 200 anos que pasa por diferentes etapas, estamos agora no que se chama a ‘cuarta onda’ do feminismo, protagonizada polas mulleres máis novas e que mesmo poñen en cuestión novos aspectos”, explica María Xosé Porteiro, coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.

O Consello da Cultura Galega ofrece, a través da súa web, fondos documentais para descubrir a historia do 8 de marzo. Isto lévanos ata as fábricas téxtiles de Nova York a mediados do século XIX, onde as mulleres comezaron unha loita que continúa hoxe.

“En Galicia temos un movemento feminista organizado que ten moita historia, que comezou moi cedo e que reflicte todas as pólas polas que foi avanzando o feminismo, con figuras moi senlleiras como Nanina Santos Castroviejo e María Xosé Queizán”, engade María Xosé Porteiro.

Hoxe tamén comeza o ciclo de cine Olladas de mulleres, organizado polo Consello da Cultura Galega e o CGAI, en que se proxectan obras fílmicas realizadas por mulleres como Todas as mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro.

Como volven as mulleres pola noite á casa? “Estou chegando á casa”, “imito o andar dun home” ou “quen non fixo como que fala por teléfono?” son algunhas das frases que forman parte da vida cotiá da muller.

Neste espazo cultural tamén falamos con Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega, e con Håkan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega.

Porque o feminismo forma parte da cultura galega e do noso pasado, presente e futuro.

Pin It on Pinterest

56 Shares
Share56
Tweet
Share