Letras Galegas

Letras Galegas 2023 | Xosé Luis Méndez Ferrín

O escritor Xosé Luis Méndez Ferrín foi gran amigo de Francisco Fernández del Riego, desde que publicou en Galaxia ‘Percival e outras historias’ en 1958. Ferrín era membro desa xeración dos novos, nacidos despois da Guerra Civil, que Del Riego acubillou en Galaxia. Con el falamos na Fundación Penzol en Vigo.

 

 

Letras Galegas 2023 | Ana María Fernández del Riego

Dos once irmáns Fernández del Riego, a única viva é Ana María, que con 101 anos acaba de publicar un libro de poesía. Actualmente vive en Granada, nunha residencia da orde das xesuitinas á que pertence, e como monxa percorreu o mundo, desde a Chinas ás Filipinas. 

Ata Granada foi o compañeiro da Televisión de Galicia, Tino Santiago, que recordou con ela ao seu irmán Paco.

Letras Galegas 2023 | Malores Villanueva e a idea de Galicia de Del Riego

A profesora Malores Villanueva é autora dunha das biografías esenciais para coñecer a Francisco Fernández del Riego por estas Letras Galegas. ‘Un loitador pola idea de Galicia’, publicada en Galaxia, é froito de anos de conversas que mantivo co protagonista.

As letras galegas de Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego monográfico

Letras Galegas 2023 | A xeración Galaxia

A editorial Galaxia naceu en 1950 e o día da súa fundación, alí estaba Francisco Fernández del Riego. A editorial nacía co propósito de recuperar a literatura galega naquel baleiro panorama da posguerra, as voces de preguerra e as novas xurdidas nos anos 50. Coñecemos os primeiros anos daquel proxecto co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a profesora e escritora Malores Villanueva.

Letras Galegas 2023 | Conversas de Perfecto Conde con Paco del Riego

O xornalista Perfecto Conde é o autor de ‘Conversas con Paco del Riego’, un libro que reedita Xerais neste 2023 e que naceu dunha longa entrevista de oito días que mantivo o autor con Francisco Fernández del Riego en 2008.

 

 

Letras Galegas 2023 | A causa política

A xeración de Francisco Fernández del Riego está en gran parte marcada pola guerra do 36, que tronzou todas as aspiracións políticas dunha Galicia galeguista no marco da España republicana. 
Nos anos republicanos, un xoven Del Riego comeza a despuntar como orador e político. Foi membro activo desde moi novo do Partido Galeguista e un dirixente universitario con voz propia. A guerra obrigouno a reinventarse, pero nunca abandonou o seu compromiso co galeguismo, como descubrimos nesta reportaxe.

Letras Galegas 2023 | Un galeguista de Lourenzá

O percorrido vital de Francisco Fernández del Riego comeza un 7 de xaneiro de 1913 en Vilanova de Lorenzá. Pasou só os anos da infancia nesta vila, suficientes para marcar a súa personalidade e forte determinación, e en Lourenzá dá tamén o seu primeiro discurso público como galeguista convencido. Coñecemos esta primeira etapa da súa vida co biógrafo e veciño de Lourenzá Manuel Román.

A viaxe de Florencio Delgado Gurriarán

A viaxe de Florencio Delgado Gurriarán comeza en Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, en 1903. Florencio é o máis pequeno de cinco irmáns. Seu pai, Florencio Delgado Prada, era perito agrónomo, e súa nai, Consuelo Gurriarán Díaz, era de familia terratenente dedicada á vitivinicultura.

Pasa un tempo da infancia e a adolescencia por Palencia e Valladolid, onde estuda dereito. Ao seu regreso a Córgomo, comeza a traballar de avogado e a destacar como poeta. Coa chegada da Guerra Civil, a viaxe complícase e pasa por Portugal, Barcelona e Francia, para finalmente partir rumbo a México no barco Ipanema. 

En México D.F. coñece a Celia Teijeiro, coa que casa e ten cinco fillos. Xúntase co reducido grupo de galeguistas no país e botan a andar proxectos culturais de moita importancia como as revistas ‘Saudade’ e ‘Vieiros’. 

Todo isto, sen esquecer nunca a poesía. Florencio publicou catro poemarios: ‘Bebedeira’, ‘Galicia infinda’, ‘Cantarenas’ e ‘O soño do guieiro’, ademais do colectivo ‘Cancioneiro da loita galega’. O seu compromiso político estivo sempre coa causa republicana, democrática e galeguista.

A partir de 1968 volve tres veces a Galicia, ningunha definitiva, e na última viaxe é nomeado académico non numerario da Real Academia Galega. Visitando a unha filla en Fair Oaks, California, morre dun infarto en 1987.

Escoita toda a viaxe de Florencio Delgado Gurriarán neste especial Letras Galegas 2022 escrito e narrado por Belén Regueira. 

Letras Galegas 2022 | As letras de Florencio

Entrevista a Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto ‘As letras de Florencio’

Pin It on Pinterest