Destacados

O colectivo A Rula e Compostela Rupestre

Falamos de pedras milenarias que agochan historias marabillosas en forma de debuxos e gravados que teñen a súa orixe na noite dos tempos. Conversamos con Luís Leclere, un dos autores do libro Na espiral dos círculos concéntricos, a obra do colectivo A Rula que é froito de máis de 5 anos de traballos, e con David Santomil, presidente de Compostela Rupestre.

Comeza OUFF, o festival de cinema de Ourense

O Ourense Film Festival enche de cinema a capital termal. Na celebración dos seus 25 anos, a nova edición do OUFF rende homenaxe a Eloy Lozano coa proxección do filme “Las bellas durmientes”.

No OUFF darase tamén a estrea mundial de “Spitsberen, o gardián do Ártico”, do cineasta Ignacio Benedetti. Esta é a primeira longametraxe gravada e acabada en Super 8, primeira dunha serie de documentais de “Stop quentamento global”, que pretende sensibilizar sobre as consecuencias do cambio climático.

Ademais, a actriz e directora teatral ourensá Rosa Álvarez recibirá o premio da honra da Fundación AISGE. Será durante a gala de clausura, que servirá tamén para dar ao público unha primicia do filme Cuñados.

 

O Festival Play-Doc de Tui presenta o MOCA: o Museo Online de Cine Autobiográfico

Nestes espazo do Diario Cultural falamos do Festival Play-Doc de Tui, que presenta o MOCA: o Museo Online de Cine Autobiográfico.

Con este proxecto xiramos a cámara e descubrimos unha ollada diferente: máis íntima, próxima e privada. Cun enfoque autobiográfico, o cinema autorreferencial, o cinema en primeira persoa.

O Ourense Film Festival homenaxea, no seu 25 aniversario, ao seu fundador: Eloy Lozano

Comeza tamén a XXV edición do Ourense Film Festival que se prolongará ata o 3 de outubro. A competición oficial de longametraxes do festival outorgará 5 galardóns: a Calpurnia á mellor película, premio Carlos Velo á mellor dirección, premio especial do xurado, premio ao mellor guión e á mellor interpretación. 

Amáis o festival concederá catro recoñecementos: o Premio do Público; Premio Xacobeo, que será outorgado por unha comisión formada por membros da Fundación Carlos Velo, Deputación de Ourense e Xunta á mellor obra con produción ou coprodución galega de todo o festival; o Premio Especial “Eduardo Barreiros”, á mellor opera prima do cinema español estreada entre setembro de 2019 e setembro de 2020; e o Premio CIMA, concedido pola Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) á mellor directora da sección oficial.

O Ourense Film Festival rendirá homenaxe a dúas figuras senlleiras que deixaron pegada no festival. Ao realizador, guionista, produtor, editor e fotógrafo Eloy Lozano, director do festival na súa primeira edición, daquela como Festival de Cine Independente de Ourense, en 1996; coa proxección da súa película ‘As belas dormentes’ e a publicación dunha monografía da man do escritor e crítico de cine Eduardo Galán, ‘Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz’. 

Precisamente esa primeira edición de 1996 dirixida por Lozano, abriuse coa proxección de ‘La Moños’, producida por Adolfo Domínguez, que será premiado coa Calpurnia Especial 25 anos. 


 

Desenvólvese dende hoxe no Consello da Cultura Galega o Festival de Filosofía

Inicia co título “Libres. En serio?” a cita que xunta nomes moi recoñecidos do pensamento e do ámbito cultural como a sexóloga Valérie Tasso, o editor Francisco Castro ou a escritora Inma López Silva. Durante dous días falarase de tinder, fútbol e series de televisión e de como afectan á nosa liberdade.

Abrumadora participación no concurso Musicando Carvalho Calero

O concurso Musicando Carvalho Calero, promovido pola AGAL en colaboración coa CRTVG, pecha o periodo de presentación de candidaturas neste ano cunha participación moi numerosa e de gran calidade.

Nace o Festival de Artes Atlánticas, Maré en Compostela

O Festival Cantos na Maré de Pontevedra inicia desde hoxe unha nova etapa en Santiago de Compostela, no Hotel NG Collection, renomeado como Maré-Musicas e Artes Atlánticas.

O Festival de Artes Atlánticas relánzase en Santiago cun formato de concertos e foros profesionais e de emprendemento cultural, citas audiovisuais e gastronomía.  Tony Sa’MED, A Pedreira, Faia, LAR Legido, António Zambujo, Sabela ou Miguel Araújo son algúns dos protagonistas da cateleira de recitales. 

O festival articúlase este ano nas seccións: MaréLab, un espazo de investigación para apoiar o crecemento da economía creativa; MaréNet, para situar Compostela como referencia do negocio das industrias culturais; CineMaré, cunha cateleira audiovisual procedente das culturas atlánticas; GastroMaré, un encontro entre cociñeiros e música para descubrir novos sabores e produtos; e MaréTV, o apartado audiovisual da plataforma de música Tolemias, desde a que se poderán seguir, ademais, moitas das actividades do festival. 

Rematan en Compostela as Xornadas de Música Contemporánea con Maximino Zumalave

Con Maximino Zumalave como director, as Xornadas de Música contemporánea pechan as súas portas por esa edición con músicas de G. Bacewicz, M. Balboa, X. de Paz e R. Groba.

Axendamos dúas grandes estreas de cinema en Tui e de teatro n’O Carballiño

O Play-Doc en Tui e o Festival de Teatro Galego n’O Carballiño fanse coa escena artística galega nestes días

O Play-Doc leva o cinema á cidade de Tui desde hoxe e ata o 27 de setembro

O Play-Doc arranca hoxe programación. Ás 20.30 no Teatro Municipal de Tui inaugúrase esta XVI cun concerto que mestura de tradición lírica galego-portuguesa e ritmos electrónicos de Laura Lamontagne e Picoamperio. E ás 22.30, no mesmo espazo, proxectarase A media voz de Heidi Hassan e Patricia Pérez.

Pin It on Pinterest