Monográfico

A viaxe de Florencio Delgado Gurriarán

A viaxe de Florencio Delgado Gurriarán comeza en Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, en 1903. Florencio é o máis pequeno de cinco irmáns. Seu pai, Florencio Delgado Prada, era perito agrónomo, e súa nai, Consuelo Gurriarán Díaz, era de familia terratenente dedicada á vitivinicultura.

Pasa un tempo da infancia e a adolescencia por Palencia e Valladolid, onde estuda dereito. Ao seu regreso a Córgomo, comeza a traballar de avogado e a destacar como poeta. Coa chegada da Guerra Civil, a viaxe complícase e pasa por Portugal, Barcelona e Francia, para finalmente partir rumbo a México no barco Ipanema. 

En México D.F. coñece a Celia Teijeiro, coa que casa e ten cinco fillos. Xúntase co reducido grupo de galeguistas no país e botan a andar proxectos culturais de moita importancia como as revistas ‘Saudade’ e ‘Vieiros’. 

Todo isto, sen esquecer nunca a poesía. Florencio publicou catro poemarios: ‘Bebedeira’, ‘Galicia infinda’, ‘Cantarenas’ e ‘O soño do guieiro’, ademais do colectivo ‘Cancioneiro da loita galega’. O seu compromiso político estivo sempre coa causa republicana, democrática e galeguista.

A partir de 1968 volve tres veces a Galicia, ningunha definitiva, e na última viaxe é nomeado académico non numerario da Real Academia Galega. Visitando a unha filla en Fair Oaks, California, morre dun infarto en 1987.

Escoita toda a viaxe de Florencio Delgado Gurriarán neste especial Letras Galegas 2022 escrito e narrado por Belén Regueira. 

Pin It on Pinterest