Todas as colaboracións

Biografías para todas as idades

Hoxe Eva Mejuto proponnos ler biografías. Estrelas galegas da ciencia é unha historia de persoeiros e achados asombrosos, publicada por Hércules de Ediciones, con textos de Maite Vence, Manuel Vicente e Andres Burés e ilustrado por Clara Cerviño. A través do libro no que saberemos de figuras como Ángeles Alvariño, José Rodríguez ou María Wonemburger. Irene, a porteira é unha banda deseñada que conta unha a historia dunha pioneira galega do deporte, Irene González Basanta, futbolista que rompeu barreiras hai un século. O guión do cómic é do xornalista Óscar Losada e as ilustracións, de Xulia Pisón.

 

Lecturas para coñecer a realidade máis dura

Eva Mejuto trae hoxe ao seu ‘Faro dos libros’ dúas lecturas que parten de realidades duras. Terra de ninguén’ é un álbum ilustrado da xornalista María José Floriano con ilustracións de Federico Delicado sobre un poboado marxinal da Comunidade de Madrid. Unha voz infantil é a que nos relata en primeira persoa a vida entre a inocencia e o desencanto. Publícao Kalandraka. A segunda proposta de hoxe, xa para público adolescente, é ‘Regreso á illa de San Simón’, unha banda deseñada que recorda o pasado da illa como campo de concentración. Unha obra colectiva publicada en 2021 pola área de Memoria da Deputación de Pontevedra e realizada por alumnado e ex alumnado da escola O Garaxe Hermético de Pontevedra.

Lecturas de familias e animais

Eva Mejuto recoméndanos hoxe a lectura da ‘Triloxía de Corfú’, de Gerald Durrell, traducida ao galego por Susana Collazo e publicada por Sushi Books. Tres libros descacharrantes e luminosos sobre a experiencia do escritor e naturalista británico, que se trasladou coa súa familia a esta illa grega sendo un neno. Falamos tamén de ‘Ringo. Memorias dun coello fedello’, de Pablo Nogueira Campo, con ilustracións de David Pintor. 

Lecturas xuvenís para empezar as vacacións

Eva Mejuto traénos hoxe dous libros para público xuvenil. A curva da pantasma é unha colección de relatos de Fran Alonso emparentados coas lendas urbanas. Oh, capitán! Poemas de Walt Whitman para a xente do instituto é unha escolma de 30 poemas de Whitman en edición bilingüe inglés-galego

Fina Casalderrey, un dos grandes nomes da LIX galega

Hoxe lemos con Eva Mejuto a Fina Casalderrey, unha das autoras de referencia da nosa literatura infantil e xuvenil, á que a AELG homenaxea o 10 de xuño en Pontevedra. Abrimos as páxinas d´O xenio da cidade do Sal, protagonizado por un Mozart de 12 anos, e mais de Fiz, o coleccionista de medos, no que un neno moi medorento atopa un método para superar aquilo que o desacouga. 

Monstr3s e illas

Eva Mejuto tráenos hoxe dous álbums ilustrados recén editados. ‘Monstr3s’ é o primeiro libro como escritora de Laura Parrula, editora en Patas de Peixe. Coas ilustracións de Óscar Villán, o libro mestura humor e medo. ‘Illas á vista’, de Rena Ortega, está dedicado ao parque nacional das Illas Atlánticas. A medio camiño entre a crónica e o caderno de viaxes, publícao Triqueta Verde.

‘Esperando o mencer’, premio ao libro mellor editado

Eva Mejuto fálanos hoxe deste álbum editado da peruana Fabiola Anchorena, publicado pola editorial Kalandraka. Unha obra fermosa e dura sobre a destrución que crean os incendios, que recibiu o primeiro premio Nacional ao libro mellor editado na categoría de literatura infantil e xuvenil.

O que Amanda Gorman e Francesco Tonucci pensan sobre a infancia

Eva Mejuto tráenos hoxe libros que falan sobre a primeira etapa da vida. O primeiro é A canción do cambio. Un himno á infancia, un álbum ilustrado a partir dun poema da escritora estadounidense Amanda Gorman, ilustrado por Loren Long e traducido ao galego por Ivonete da Silva e Fe González para Hércules de Ediciones. O segundo é un ensaio do pedagogo italiano Francesco TonucciPor que as nenas e os nenos, sobre as contradicións da nosa sociedade na educación da rapazada. 

Libros con música de Silvia Penide e Magín Blanco

Eva Mejuto tráenos hoxe dous libros con música. Diferentes diferenzas é o primeiro libro de contos da cantautora Silvia Penide, ilustrado por Emilio Urberuaga e publicado por Bululú.  A partir do libro naceron as cancións, dispoñibles en CD e en formato dixital. E acaba de publicarse o último traballo de Magín Blanco, Caderno de cores e cancións, ilustrado por Sonia  García, e que inclúe un código QR para acceder á música. Nas cancións colaborou o alumnado do CEIP da Carrasqueira de Coruxo e a asociación de familias con persoas con parálise cerebral APAMP.

Un animalario e un escudeiro

Seguimos repasando con Eva Mejuto obras finalistas dos premios Follas Novas dirixidas ao público infantil e xuvenil. Desta vez, o ‘Animalario de ler a diario’, un poemario divertido e cheo de bichería escrito por Eduard Velasco e mais  a banda deseñada ‘Roxín Roxal. A daga do conde’, de Manel Cráneo e Brais Fierro, publicado por Demo Editorial.

Pin It on Pinterest